1936 - TEATRO CONTEMPORÁNEO - CASTELÁN
Unha visión poliédrica e coral dos acontecementos históricos máis significativos da historia de España, a Guerra Civil Española. Cristina Arias , Antonio Durán “Morris”, María Morales, Natalia Hernández, Guillermo Toledo, Paco Ochoa, Mamen Camacho e Juan Vinuesa interpretarán a homes e mulleres sen distinción de sexo. 1936 trasladaranos por un continuo vaivén de escenarios e de situacións que nos axudarán a entender a complexidade dunha realidade desde distintos enfoques e perspectivas. Se queremos construír unha historia real non podemos ofrecer unha imaxe fixa ou estática das vicisitudes da época. A Guerra Civil española foi seguida en todo o mundo con moita expectación. Trátase dun dos episodios históricos máis estudados e que maior cantidade de libros e estudos xerou, máis de 90.000 referencias.
Dicía Walter Benjamín que a historia a escriben os vencedores e impóñenlla aos vencidos. ‘1936’ ofrece unha perspectiva vital e necesaria para lembrar de onde vimos. Pasamos varios meses á procura de datos e apuntamentos, e despois dun laborioso e tenaz traballo de investigación e rastrexo en arquivos, bibliotecas e hemerotecas, sabemos que a historia non é como nola contaron. Esta montaxe ofrece unha mirada omnisciente e afastada de calquera carácter partidista ou propagandístico, a partir dun proceso de investigación levado a cabo polo mesmo equipo responsable de serie Shock.
“É demasiado grande o conflito, as súas ramificacións, causas e consecuencias. Pero imos tentar facer teatro. Imos tentar pintar unha paisaxe o suficientemente elocuente que sirva para lembrar e imaxinar, para facernos preguntas que nos leven a comprender mellor, a tentar saber onde están as feridas e tentar que non volvan facernos sangrar. Porque sangue houbo e moita.
A guerra civil deu lugar a un réxime franquista sostido pola igrexa, o exército, a aristocracia e unha gran masa social. É o pobo o que me fai cuestionarme máis. Como e por que apoia un réxime baseado na represión? Sendo humano, como non se é humanista. E hoxe? Antes a ultradereita impoñíase por golpes de estado, pero hoxe son votados nas urnas. Por que?”
Andrés Lima, Director e coautor de 1936