O Padroado

O Concello de Narón puxo en marcha no ano 1981 o Padroado da Cultura, que é un ente autónomo, coa finalidade de darlle canle á participación dos sectores implicados no fenómeno cultural. De tal xeito que hoxe toda a actividade cultural municipal, salvo a institucional e a de concesión de axudas e subvencións, está canalizada a través do Padroado.

O seu órgano de xestión é a Xunta do Padroado, que está presidida polo alcalde, e na que están presentes todos os grupos políticos do Concello. Así mesmo as asociacións de veciños, os consellos escolares e as entidades culturais tamén forman parte desta xunta a través dos seus representantes.

O Padroado conta ademais con diversos asesores, cun director técnico, un secretario e un administrador. O financiamento das súas actividades vén dada polo Concello, ademais do que achegan as matrículas que se cobran para participar nas escolas do Padroado e polo que se ingresa da venda de billetes dos actos nos que se cobra entrada. Tamén recibe subvencións doutros organismos.

A finalidade do Padroado, á parte de dar participación na súa xestión, é a de suplir as deficiencias do ensino respecto da cultura galega e no Concello de Narón, dando a coñecer esta por todo o concello mediante ciclos de charlas, a creación de escolas artísticas e realizando estudos de investigación sobre a nosa arte e a nosa cultura.