“ALXIBEIRA” é un grupo de mozos e mozas con idades comprendidas entre os 15 e os 30 anos, unidos por un mesmo espírito de recuperación das nosas tradicións máis xenuínas.

A súa creación tivo lugar a finais do 1986, e os seus compoñentes pertencían ás diversas Escolas de Baile Tradicional que o Padroado da Cultura do Concello de Narón tiña espalladas polas parroquias, e a distintos entes privados e públicos , todos eles dentro do propio Concello.

A idea da formación do Grupo xurde do Padroado da Cultura, cun obxectivo claro e preciso: a revalorización do folclore e costumes de Galicia, e a recuperación das nosas tradicións, fundamentando os traballos de investigación nas verdadeiras raíces autóctonas.

Por todo isto,  “ALXIBEIRA” inicia un arduo traballo de investigación por diversas zonas da xeografía galega, en busca de bailes, cancións..., e de todo aquilo que puidera estar relacionado dalgún xeito coa Cultura Tradicional Galega.

Con todos estes datos elabora o seu repertorio composto por algúns dos bailes máis representativos de cada zona, e tamén por un bo número de cancións, coa intención de buscalos matices peculiares de cada comarca.

No que concirne ó vestiario, tódolos traxes foron reconstruídos seguindo fielmente os patróns e tecidos dos traxes antigos, e incluso conserva, a Agrupación, algunhas das pezas orixinais, obtidos grazas ás xentes das aldeas que aínda os gardaban celosamente en antigas huchas.

“ALXIBEIRA” crese na obriga de continuar investigando, como unha tarefa a realizar “moi urxente”, pois do contrario, en moi poucos anos, todas estas tradicións e usos cotiáns de divertimento, que foron un proceso de varios séculos de tradición, interrompidos nestas catro ou cinco décadas, caerán no esquecemento, chegando incluso a desaparecer.

 

A presentación oficial de “ALXIBEIRA” tivo lugar o 30 de xullo de 1988. Na actualidade, os rapaces e rapazas que integran a agrupación pertencen á segunda formación.

O seu repertorio está formado por bailes, cantigas e músicas propias de aldeas de Lugo, Pontevedra e A Coruña, sendo esta última a que acada maior protagonismo, centrándose principalmente nas comarcas de Bergantiños e Xallas; así, consta con maneos: Mira, Cabaleiros...; muiñeiras vellas: Vilela, Veiga de Brañas; jotas: San Salvador, Imende; mazurcas; pasodobles...

Documentación vinculadaTamaño
PDF icon Dosier alxibeira_BAIXA.pdf1.18 MB