TRES VELLAS NA ROMARÍA
Regresan as TRES VELLAS cun novo repertorio: TRES VELLAS NA ROMARIA. Saímos do mundo do traballo e buscamos nas memorias das devanceiras os días gloriosos de romarías e festas, os bailes, os milagres, as devocións, os exorcismos, as empanadas e os melindres, o viño novo e a caña brava… As TRES VELLAS lían á cabeza os seus máis fermosos panos rameados, para saír a bailar muiñeiras, xotas e bailes charros nos turreiros das festas. O repertorio componse de todo o que rodea o mundo estival das romarías: milagres, romances, ofrendas devotas, relatos humorísticos; un mundo no que se mestura a superstición e o festeiro escepticismo. Unha viaxe equidistante aos tempos de “Deus é bo, mais o Demo non é malo”. Un repertorio no que se xuntan os xeonllos esfolados das procesións cos pes encalecidos dos bailes. Parece un mundo esquecido, mais as TRES VELLAS regresan para contalo coa mesma frescura que se fose onte.
Celso Fdez. Sanmartín é narrador oral e recoñecido poeta. O seu libro “A cama do meu avó” é un dos seus últimos sucesos, convertido en performance en “Escenas do cambio”.
Guti é narrador, guía nativo e influencer. Publicou o libro “Cuaderno de últimas voces” e mantén un post diario en Facebook titulado “Besos matinales”
Quico Cadaval conta contos e dirixe teatro. Dirixiu “O Porco de Pé” e participa no último proxecto do CDG “Shakespeare en Roma”.