ÓPERA
Ópera en tres actos con música de Giuseppe Verdi e libreto en italiano de Francesco Maria Piave, baseada na obra de Victor Hugo, Le Roi s´amuse.
A súa estrea foi o 11 de marzo de 1851 no Teatro La Fenice de Venecia, cun éxito impresionante. Esta obra foi encargada para celebrar o entroido dese ano e, dende entón, é unha das 10 óperas que máis se representa no mundo.
A obra divídese en tres actos e está protagonizada por Rigoletto, o bufón amolado da corte do ducado italiano de Mantua e a súa filla Gilda, á que esconde na súa casa, salvo para ir á igrexa para rezar.
Nunha desas visitas ao templo santo, Gilda atópase co duque de Mantua, coñecido na corte por practicar unha vida de pracer con tantas mulleres como lle sexa posible.
O engano, a picardía fronte á inocencia, o amor, a paixón, e o odio e a vinganza son os temas principais deste melodrama con final tráxico.
Música: O segredo desta obra está na súa gran inspiración melódica e na definición psicolóxica dos seus personaxes. Verdi meditou profundamente o tipo de voz de cada personaxe, un tenor lixeiro para o frívolo Duque de Mantua. Barítono a Rigoletto porque presenta características moi opostas: cinismo, vinganza, amor á súa filla...
Guiusepe Verdi é un dos pilares fundamentais da Ópera e actualmente o compositor máis representado no mundo, debido á calidade da súa obra e á variedade da mesma.
Considerada polos expertos como unha das primeiras obras mestras de Verdi, Rigoletto conta con arias tan famosas como Bela figlia dell´amore ou A donna è mobile.