PRESENTACIÓN PROGRAMA ALXIBEIRA

  • Danza
  • Tradicional
DATOS BÁSICOS

GRUPO DE MÚSICA E BAILES TRADICIONAIS ALXIBEIRA

 

O Padroado da Cultura do Concello de Narón creou o grupo Alxibeira a finais de 1986 co obxectivo de revalorizar o folclore e costumes de Galicia e recuperar as nosas tradicións, fundamentando os traballos de investigación nas verdadeiras raíces autóctonas. Nos seus inicios, os compoñentes pertencían ás diversas Escolas de Baile e Música Tradicional que o Padroado da Cultura tiña espalladas polas parroquias, e a entidades privadas e públicas do propio Concello.

Na década dos anos 80 e primeiros anos dos 90 Alxibeira percorre as aldeas galegas na pescuda de bailes, músicas, etc. Con todos estes datos elabora o seu repertorio, composto por algúns dos bailes máis representativos de cada zona, e tamén por un bo número de cancións, coa intención de buscar os matices peculiares de cada comarca. O seu repertorio está formado por bailes, cantigas e músicas propias de aldeas das catro provincias galegas.

No que concirne ao vestiario, todos os traxes foron reconstruídos seguindo fielmente os patróns e tecidos dos traxes antigos.

A presentación oficial de Alxibeira tivo lugar o 30 de xullo de 1988, e desde entón leva feito innumerables actuacións pola xeografía galega, así como no Estado Español, Portugal, Alemaña, Polonia, Italia, Francia, Chipre, Chile, Cuba, Brasil, etc.

Tres son as monitoras didácticas que imparten clases semanais á agrupación: Belén Mato, Lorena Barea e Zahyra Regueira, baixo a dirección, desde outubro de 2020 de Quique Peón.

 

 

Asociación cultural "Camiño Real" de Poulo

 

A asociación cultural "Camiño Real" de Poulo comeza a súa andaina aló polo ano 2003 cando 8 rapaces da parroquia de Ordes, sentiron a chamada da música tradicional e se xuntaron para comezar a tocar e bailar. Do que inicialmente era un grupo pequeno, pouco a pouco foi medrando ata chegar a actualidade, na que conta con máis de 60 membros de distintas idades que, semana a semana, se xuntan para aprender e gozar da música tradicional.

Tomamos o noso nome do Camiño de Santiago, xa que a Poulo se atopa na penúltima etapa do Camiño Real Inglés. 

Dende fai 4 anos, conta con  Pichi Abollado e María Vidal como mestres de Canto, pandeireta e baile. Na parte de gaita e percusión temos a Marcos Varela. Con eles, a asociación trata de reproducir, o máis fielmente posible, as pezas  recollidas por todo o territorio galego.

PREZOS

2023-12-03 - 18:00:

  • Abonado patio: 0,00 €
  • Tarifa unica 2€: 2,00 €