PRESENTACIÓN DO DISCO DAYDREAMING - MÚSICAS DO MUNDO - GALEGO
'Daydreaming' marca o inicio dun soño para María López: poder expresar os seus sentimentos e emocións a través da música. Este proxecto desenvolveuse ao longo de máis dun ano, aproveitando os momentos libres que os seus estudos universitarios lle permitiron.
O álbum non segue ningunha estética definida nin tendencia establecida. Trátase dunha colección de pezas coas que a artista se sente identificada e cómoda. O disco consta de doce temas, todos interpretados e arranxados integramente por ela mesma.
Con este traballo, María López tamén busca dar visibilidade a instrumentos que con frecuencia están confinados a determinados xéneros musicais. Aínda que respecta as súas características tímbricas e o seu rexistro, a artista quere demostrar que estes instrumentos poden adaptarse a unha variedade de repertorios, incluído o clásico.
Biografía:
María López é unha música multiinstrumentista nacida en Narón (A Coruña) no ano 2004. Iniciou a súa formación musical en 2010 e titularse en 2022 nos Graos Profesionais de Gaita e Piano no Conservatorio Profesional Xan Viaño de Ferrol. Estes estudos completounos co aprendizaxe de zanfona xunto aos zanfonistas máis recoñecidos do panorama internacional.
En 2019, con tan só 14 anos, converteuse nun referente da música tradicional galega ao gañar a XXXIV edición do Trofeo MacCrimmon, durante a 49ª Edición do Festival Intercéltico de Lorient. Este premio, o máis prestixioso ao que pode optar unha gaiteira galega, consagrouna como a gañadora máis nova e a primeira muller galega en alcanzar este recoñecemento.
María López tamén é coautora do libro/disco 'As que dormen entre o centeo', publicado pola Asociación do Baile e a Música de Tradición Galega, unha obra que recolle composicións para gaita escritas por dezaseis mulleres, reivindicando o papel feminino na música tradicional.
Ao longo da súa traxectoria, colaborou con artistas de renome como BellónMaceiras, Susana Seivane e Carlos Núñez, consolidándose como unha das figuras máis prometedoras e versátiles da música galega actual.