CONCERTO DE SÉS
Se algo podemos destacar de SÉS é o seu enorme carisma e forza persoal, xa de sobra amosada en centos de concertos e actuacións ao longo de toda Galiza, percorrendo diferentes escenarios, pobo tras pobo e cidade tras cidade.
Aos poucos e grazas á transmisión boca-orella, a súa intensa personalidade e honestidade á hora de manifestarse, foi conquistando ao público cun caudal de enerxía que chama pola unión e cuestionamento do establecido.
En decembro de 2016 viu a luz o seu 4º traballo discográfico e en xaneiro comeza a xira de presentación do mesmo por todo o estado.
Gravado nos estudios BRUAR, da Coruña, e producido por MARÍA XOSÉ SILVAR, a propia SÉS, neste traballo conta cos seus músicos habituais nos directos: Tito Calviño (guitarra), Fernando Fraga (baixo), Lorena "Cachito" Martín (batería), Lucía Cela, Lucía Souti e Lucía Insua (coros) e Chicho Cordero (percusións).