TEATRO COMEDIA
SINOPSE:
O Porco, o animal totémico dos cocidos e dos entroidos, toma os teatros para demostrar a súa superioridade sobre os seres humanos. O que presenta Excéntricas é un teatro de barracón, aquel que, na infancia, nos fascinaba e nos asustaba a partes iguais. Un farol mortizo, un chan de serradura, unha cortina vermella e, de súpeto, aparece o porco en elegante pose de equilibrista a sosterse sobre os pés, a finxirse un ser humano con tanta graza, que resulta imposible distinguilo.
Vai para cen anos, Vicente Risco detectou unha nutrida presenza porcina vestida con elegantes abrigos e chapeus a confundirse cos propios burgueses. A divertidísima sátira do ourensán, a medio camiño entre o circo, o barracón, os fantoches e o cabaret, ten hoxe mais vixencia que nunca. Nesta viaxe á fascinante década do 20 do século XX, pasarán como nunha lanterna máxica, anarquistas, esportistas, agraristas, proxenetistas, golpistas, vangardistas, caciquistas, futuristas, pasadistas e presentistas.
AUTORÍA: Quico Cadaval e Pepe Sendón (versión libre da novela de Vicente Risco)
DIRECCIÓN: Quico Cadaval
ESCENOGRAFÍA: Carlos Alonso
DESEÑO SON: Piti Sanz
ILUMINACIÓN: Octavio Mas
VESTIARIO: Carlos Alonso
ELENCO:
Patricia Vázquez
Evaristo Calvo
Víctor Mosqueira