MEIGAS, HABELAS HAINAS
Duración 130 minutos incluido descanso de 10 minutos
Un musical onde a maxia, o amor e a verdade desafían o medo.
Galicia, século XVII. Nunha pequena aldea mariñeira, entre bosques misteriosos, antigas lendas e o rumor do Atlántico, a vida transcorre ao ritmo das tradicións. Mais a chegada dun novo sacerdote ameaza con romper o equilibrio entre a fe, a natureza e as crenzas dos seus habitantes.
Iria, unha moza que comeza a escoitar unha misteriosa voz do pasado, emprenderá unha viaxe para descubrir quen é realmente. Ao seu carón, o amor, a amizade e uns seres extraordinarios axudarana a enfrontarse aos segredos que o tempo tentou soterrar.
Inspirado nas lendas galegas e na memoria das mulleres perseguidas por seren diferentes, MEIGAS, HABELAS HAINAS é un musical orixinal que combina emoción, humor, misterio e fantasía nunha historia sobre a liberdade, a valentía e o poder de decidir o noso propio destino.
Porque hai historias que o tempo non consegue borrar… e voces que xamais poderán ser silenciadas.