MONÓLOGO CÓMICO - FESTIVAL SINGULAR
Con Hoy tengo algo que hacer dispoñémonos a presentar as peripecias dun heroe moderno que, seguindo a gran tradición picaresca, parte do fogar co propósito de comprender que é isto de ter unha ocupación, un algo que facer que sustenta e organiza calquera existencia.
Lonxe de ser un tema anecdótico ou elemental, ou precisamente por isto último, antóllasenos como algo fecundísimo o poñer atención sobre este fenómeno absolutamente universal, que atravesa e fundamenta toda psique: a construción de calquera personalidade baséase no ter algo que facer, o relato de cada cal respecto ao resto sostense no valor e significado que lle outorgamos ao algo que facer, e nun nivel aínda máis básico: o día, a semana, o ano, fanse moi longos, pídennos recheo e estrutura e dirección, necesitamos agarrarnos a algo que facer para dar sentido e substancia.
Neste século XXI desvelado, literal, arrasado, sen apenas motivacións máxicas ou simbólicas e cunha insaciable tecnoloxía abstracta que non vai parar ata simplificar a vida e desposuíla de toda vontade, o algo que facer preséntasenos como unha rudimentaria incógnita, unha dúbida desesperada para o devir. E, ao mesmo tempo, coñecemos e sufrimos a necesidade de estar ocupados, alí construímos o noso orgullo e a nosa resposta ao estar na vida.