A FIESTRA DOS SOÑOS - TROTAVENTOS
A fiestra dos soños é un concerto non para pequenos nin para adultos, simplemente para soñadores. A fiestra dálle unidade e sentido ás historias que veñen despois, que funcionan de maneira independiente, e do mesmo xeito , por seren os temas autónomos e ser a fiestra a que lles dá sentido, a propia fiestra abre unha porta para futuras posibles edicións de máis conxuntos de soños.
Musicalmente, o que se busca é o mesmo que no conxunto da obra. Os poemas convértense en cancións que recollen todo tipo de influencias e ritmos, variedade de compases, cambios de tonalidade, etc. cunha liña que bebe das músicas populares do mundo que atravesa cada un dos temas para darlle unidade, e cunhas melodías de gusto exquisito que xunto cos textos converten as pezas en idóneas para o pracer de grandes e pequenos.
A parte literaria componse de trece poemas cunha temática que supón un canto á natureza, presentada dunha maneira aparentemente sinxela e pretendidamente asumible pero sen fuxir da metáfora e , sobre todo, sen menosprezar a intelixencia dos nenos e das nenas. Preténdese pois pintar, máis que narrar, imaxes (escenas, historias, soños) , tinguidas de bo gusto, cun enfoque moderno, por veces humorístico e sempre cunhas sutís e entrañables pinceladas de maxia.