MÚSICA FOLK - TRADICIONAL
As Catedrais Silenciadas é o terceiro álbum do músico Xabier Díaz xunto coas Adufeiras de Salitre, quizais a obra que mellor reflicte a esencia do seu encontro e, tamén, a que explora os límites deste formato con maior profundidade.
Este último traballo actualiza diferentes tipos de formas musicais: hai pasodobres como “No Salón das Cereixas”, xotas como “Illas de Sal”, alalás como o tema que da título ao disco, ribeiranas como “Tentenublo” e muiñeiras e agarrados como o de “Vilar de Cabeiras 2.0”
Con ata dez músicos sobre o escenario, o show de Xabier Díaz é sempre impactante e moi emocional. Disto encárganse, ademais do propio músico, as Adufeiras de Salitre que o acompañan nas voces e percusións. Non é menos importante a calidade instrumental de Iván Costa na zanfona e de Roberto Grandal no acordeón.
O título é un berro de alerta ante o progresivo despoboamento do rural e a perda identitaria que isto implica: a desaparición da cultura que temos e que fundamenta a nosa diferenza no mundo.