ANIMAIS DE COMPAÑÍA

  • Teatro
  • Comedia
DATOS BÁSICOS

COMEDIA MUSICAL

Nunha terraza dun piso alto da cidade, desde a que se divisan os tellados dos demais edificios, unha cadela, Fedra, agarda a chegada da súa ama, Rebeca. Hai xa bastante tempo que Rebeca marchou e aínda non regresou. Fedra está preocupada e cada son que escoita pensa que é Rebeca regresando e chama por ela, leda, pero de seguido se dá conta de que foi unha falsa alarma. A verdade é que Rebeca nunca tardou tanto en regresar.

Mentres agarda, Fedra cóntanos que ela foi recollida por Rebeca dun refuxio de animais. Realmente, ata que apareceu Rebeca na súa vida, a vida de Fedra foi un ir de refuxio en refuxio e dun dono a outro sen parada. Fedra sempre estivo acollida pola protectora de animais. Conta como foi o día que, estando no refuxio, apareceu Rebeca á procura dunha mascota e todas as habilidades que Fedra desenvolveu para conseguir que Rebeca se fixara nela e a acollera. Fedra canta unha canción explicando as súas habilidades. Mentres isto acontece aparece polo muro da terraza Maxa.

Maxa é unha gata que vive ceibe nos tellados da cidade e, algunhas veces, aparece pola terraza de Fedra, para desespero desta que non quere intrusos nos seus dominios. Rebeca tamén puxo un comedeiro de comida de gata a Maxa na terraza para que poida comer cando lle pete. Isto da pé a Fedra para discutir con Maxa sobre se Rebeca é dona das dúas ou non. Para Fedra, que é unha cadela, é bo ter dono xa que os cans deben telo, Para Maxa, non. Ela di que unha gata de tellado non ten que ter dono e que, en calquera caso, ela non o ten. Obsérvanse as diferenzas de pensamento entre as dúas. Claramente non pensan igual. Maxa canta unha canción indicando que ela é da rúa, unha gata ceibe sen dono.

Tamén Maxa lle conta a Fedra que vén de durmir a sesta na póla dunha árbore, unha cerdeira. A cerdeira de Alberte Viches que está plantada nunha horta da rúa das Hortas e que existe grazas á teimosía do veciño Alberte Vilches que conseguiu, con paciencia, que agromara unha cerdeira onde parecía imposible.

Contando isto, Maxa baixa do muro e entra na terraza, pero Fedra non lle deixa pasar, entende que está para defender o territorio, e o seu territorio é a terraza, de xeito que non debe deixar entrar nel a ninguén. Isto serve para que entre as dúas debatan sobre os territorios e as diferenzas entre quen os habita e quen, por necesidade, ten que entrar neles. Esta discusión entre gata e cadela amplíase nunha cantiga que elas cantan a xeito de regueifa expresando as súas diferenzas. Ao remate resolven que defender un territorio non é non deixar pasar ou entrar nel, defender un territorio é coidalo, limpalo e regar as flores e as plantas e telo sempre fermoso e ben presentado.

PREZOS

Prezos:

*Tarifa abonad@s: 6.65€

*Tarifa público xeral: 9.50€

*Tarifa reducida: 6.65€ (con Carné Xove ou de estudante (ata 24 anos), desempregad@s)

*Tarifa nen@s: 5.50€ (menores de 14 anos)

 

**Espectáculo en período de reserva de abonad@s, venda ao público xeral a partir do mércores 21 de agosto.

***A venda de entradas a tarifa reducida farase unicamente a través da billeteira do Pazo da Cultura de Narón, presentando a debida documentación.

+info 981 102 897

FICHA ARTÍSTICA

REPARTO:
Imma António 

Manuela Varela 

 

Composición musical: Bernardo Martínez 

Produción e deseño gráfico: Eva Alonso 

Dirección e deseño de iluminación: Eduardo Alonso