ALXIBEIRA, ASOCIACIÓN MUSICAL E DANZA TRADICIONAL QUEIROA

  • Danza
  • Tradicional
DATOS BÁSICOS

ALXIBEIRA, ASOCIACIÓN MUSICAL E DANZA TRADICIONAL QUEIROA

GRUPO DE MÚSICA E BAILES TRADICIONAIS ALXIBEIRA

O Padroado da Cultura do Concello de Narón creou o grupo Alxibeira a finais de 1986 co obxectivo de revalorizar o folclore e costumes de Galicia e recuperar as nosas tradicións, fundamentando os traballos de investigación nas verdadeiras raíces autóctonas. Nos seus inicios, os compoñentes pertencían ás diversas Escolas de Baile e Música Tradicional que o Padroado da Cultura tiña espalladas polas parroquias, e a entidades privadas e públicas do propio Concello.

Na década dos anos 80 e primeiros anos dos 90 Alxibeira percorre as aldeas galegas na pescuda de bailes, músicas, etc. Con todos estes datos elabora o seu repertorio, composto por algúns dos bailes máis representativos de cada zona, e tamén por un bo número de cancións, coa intención de buscar os matices peculiares de cada comarca. O seu repertorio está formado por bailes, cantigas e músicas propias de aldeas das catro provincias galegas.

No que concirne ao vestiario, todos os traxes foron reconstruídos seguindo fielmente os patróns e tecidos dos traxes antigos.

A presentación oficial de Alxibeira tivo lugar o 30 de xullo de 1988, e desde entón leva feito innumerables actuacións pola xeografía galega, así como no Estado Español, Portugal, Alemaña, Polonia, Italia, Francia, Chipre, Chile, Cuba, Brasil, etc.

Tres son as monitoras didácticas que imparten clases semanais á agrupación: Belén Mato, Lorena Barea e Zahyra Regueira, baixo a dirección, desde outubro de 2020 de Quique Peón.

Asociación Musical e danza Tradicional Queiroa

Asociación de música e danza tradicional “A Asociación de Música e Danza Tradicional Queiroa” xurdimos en novembro de 2002 froito da iniciativa dun grupo de nais e pais do CEIP Pedro Barrié de la Maza de Mondego, que estimaron a necesidade de dar continuidade ó traballo desenvolvido polos alumnos e alumnas das actividades extraescolares de baile tradicional e pandeireta máis alá da súa etapa escolar. A isto, uniuse a demanda de aprendizaxe de gaita e percusión, e a necesidade de formar un grupo máis completo e instrumental. Dende eses inicios, Queiroa fixemos un longo percorrido polos costumes e tradicións relativos ao baile e á música tradicional. Tanto os contidos utilizados nas aulas de formación coma os propios repertorios dos grupos actuantes, son produto de traballos de campo de recuperación e investigación feitos por nós mesmas, así como tamén froito de traballos de recompilación feitos en arquivos, cancioneiros e distintas publicacións. No apartado formativo, Queiroa impartimos aulas continuadas ao longo do curso: baile tradicional, pandeireta e canto, gaita galega, acordeón, percusión galega, solfexo aplicado a música tradicional galega e violín tradicional; sendo unha das poucas asociacións de Galicia e a única na provincia da Coruña en impartir esta última actividade mencionada. A asociación conta con arredor de 120 persoas asistentes ás aulas en idades comprendidas dende os 3 anos ata os case 70 que ten o noso alumnado mais veterán. Ademáis da actividade formativa, Queiroa organizamos númerosos eventos encadrados na difusión da música e o baile. Así, podemos destacar: Queiroa na Rúa, consistente nunha xornada na que todo o alumnado sae ás rúas de Sada co traxe tradicional a amosar o se bo facer na música ou no baile. Xa pola tarde e con carácter internacional, facemos un festival con grupos convidados e un grupo de música do eido folc tradicional (Xabier Díaz, Tanto nos ten, Primordiais, Comando Curuxás, Tonecho Castelos e Pablo Esqueira, son algúns dos grupos que nos acompañaron nas últimas edición). Tamén organizamos a Foliada de Sada, sendo esta un referente na comarca coa participación de grupos chegados de toda Galicia; ou o Festival Infantil; así como numerosas galas etnográficas que contan tamén con citas anuais e xa pasan en tódolos casos de 10 edicións dende o seu inicio. No ano 2022, no noso 20 aniversario, tivemos a sorte de participar en eventos importantes como o Festival Intercéltico de Ortigueira, a 40 Edición das Portas Abertas de Bouxwiller (Alsacia-Francia) ou ter organizado a exposición “Queiroa na memoria”, na que puxemos en valor distintos traballos de investigación levados a cabo en Sada nos últimos 100 anos, así como tamén un percorrido das vivencias dos 20 anos de historia da asociación. Participamos na dinamización de espazos, lugares e parroquias a través de colaboracións con distintas entidades e colectivos sadenses. Participamos tamén en festivais, concursos ou programas de televisión (por exemplo, no Luar) o longo de todo o ano. No ano 2023 tamén fumos elexidos para representar a Galicia, xunto aos compañeiros deSementeira de Cambre, no festival Interceltique de Lorient.

PREZOS

2024-11-30 - 20:00:

  • Abonados de balde
  • Público xeral: 2,50 €