QUIQUE PEÓN, novo director de ALXIBEIRA

Luns, 31 de Agosto de 2020

O Grupo de Baile Tradicional Alxibeira do Padroado da Cultura de Narón estará dirixido desde esta temporada polo prestixioso bailador e coreógrafo Quique Peón, un dos máis importantes investigadores e docentes do noso baile e a nosa música tradicionais. A longa carreira profesional do novo director de Alxibeira está centrada na investigación etnográfica, realizando un extenso labor de recollida de campo e recuperando e restaurando centos de bailes, danzas, músicas, traxes, instrumentos e costumes. Gañou innumerables premios a nivel nacional e internacional e dirixiu desde 1982 o Grupo de Música e Baile Tradicional Xacarandaina da Coruña.