Programación cultural marzo a xuño de 2022

Venres, 11 de Febreiro de 2022

Trátase dun amplo programa que inclúe monólogos, comedia, música, teatro contemporáneo ou monicreques.

Máis dunha vintena de espectáculos para todos os públicos e todos os gustos, desde monólogos ata musicais, pasando por monólogos e monicreques, encherán de cultura o Pazo desde marzo ata xuño. Un dos pratos fortes deste cuadrimestre será a VI edición do Festival Internacional do monólogo teatral Singular, do que podes consultar todo o programa premendo aquí

O resto de espectáculos previstos para este período son os seguintes:

  • Sábado 2 de abril ás 20:00 h. Rastros, escrita por Roberto Vidal Bolaño con adaptación e dirección de Lois Blanco. A protagonista da obra é Esther, unha muller descaradamente libre que acostuma a dicir o que pensa e facer o que sinte, sen prexuízos. Elenco: Antea Rodríguez, Muriel Pernas, Pablo Carrera e Mateo Franco.
  • Domingo 3 de abril ás 18:00 e ás 20:00 h. De ellos aprendí. El musical de los grandes musicales. Un total de nove artistas, bailaríns e cantantes, con todas as voces en directo e unha impresionante escenografía acompañada de proxeccións, xunto cun vestiario moi coidado, fan deste musical para o público infantil un espectáculo único que inclúe escenas e personaxes de La Sirenita, El Rey León, Frozen, Aladdín, Rapunzel e La Bella y la Bestia
  • Sábado 9 de abril ás 20:00 h. Golfa. Un tema tan actual como o do acoso virtual está no centro da trama desta obra escrita e dirixida por José Padilla. O punto de partida é a aparición, unha mañá, dunha pintada, “GOLFA”, fronte á porta dun instituto, un insulto anónimo a través do que imos descubrindo a historia que hai detrás. Elenco: Fran Cantos, Montse Díez, Ana Varela, Marisa Rivera, Ninton Sánchez.
  • Domingo 10 de abril ás 18:00 h. A cazola de Lola. Teatro de monicreques para o público infantil a partir de 5 anos.
  • Sábado 23 de abril ás 20:00 h. RIF (de piojos y gas mostaza). Narra a dura historia de tres soldados do exército español nas terras do Rif despois do Desastre de Annual. A través das súas historias, dos seus relatos, das súas vivencias, desfilarán diante de nós personaxes clave daquelas guerras: deputados, altos comisarios, reis, prostitutas, xornalistas, militares... Elenco: Arantxa Aranguren, Mateo Rubistein, Jorge Varandela, Ibrahim Ibnou, María Elaidi, Carlos Jiménez-Alfaro, Mariano Llorente e Nestor Ballesteros.
  • Venres 29 de abril ás 20:30 h e sábado 30 ás 20:00 h. Morgana en Esmelle (ADIADO A UN ÚNICO EVENTO O DÍA SÁBADO 21 DE MAIO ÁS 20.00H). A inmensa, magnética e fascinante novela de Begoña Caamaño é adaptada con paixón por Sarabela Teatro nun diálogo coa autora para devolver ás espectadoras e espectadores unha parte pequena do seu universo único. Elenco: Quico Cadaval, Fina Calleja, Fernando Dacosta, Sabela Gago, Laura Míguez e Elena Seijo.
  • Venres 6 de maio ás 20:30 h e sábado 7 ás 20:00 h. Morte accidental dun anarquista. Cándido Pazó adapta e dirixe esta comedia, sátira implacable, de Darío Fo na que un anarquista falece tras caer pola fiestra dunha comisaría na que está sendo interrogado pola policía. Elenco: Toño Casais, Diego Rey, Marta Ríos, Marta Lado, Dani Trillo, María Ordóñez, Artur Trillo, Xurxo Barcala e Rubén Prieto.
  • Sábado 14 de maio ás 20:00 h. N.E.V.E.R.M.O.R.E. Esta coprodución de Chévere e o Centro Dramático para abrir a tempada do Teatro “María Guerrero“ usa a memoria dunha catástrofe ecolóxica (a do Prestige) como detonante para desenvolver unha narrativa escénica sobre o presente. Elenco: Patricia de Lorenzo, Miguel de Lira, Manuel Cortés, Mónica García, Arantza Villar e Borja Fernández.
  • Sábado 28 de maio ás 20:00 h. Othello. O clásico de William Shakespeare traído ao século XXI baixo a dirección de Marta Pazos e a adaptación de Fernando Epelde para tratar temas universais como a xenofobia, os feminicidios, a mentira ou os prexuízos desde un punto de vista actual. Elenco: Hugo Torres,  Joaquín Abella, Ángel Burgos, Ana Esmith, María Paz Sayago e Chumo Mata. 
  • Venres 10 de xuño ás 20:30 h e sábado 11 ás 20:00 h. Los santos inocentes. A novela de Miguel Delibes (adaptada por Fernando Marías e Javier Hernández Simón) é un espello no que mirarnos, como sociedade e como individuos. E como todos os espellos, devólvenos o reflexo do noso pasado para que podamos explicar o noso presente. Elenco: Javier Gutiérrez, Pepa Pedroche, Fernando Huesca, Yune Nogueiras, Marta Gómez, Luis Bermejo, José Fernández, Raquel Varela e Jacobo Dicenta.