VI Festival Internacional do monólogo teatral Singular

Xoves, 10 de Febreiro de 2022

Unha ducia de representacións dirixidas tanto ao público adulto como infantil serán postas en escena, entre as que destacan actrices da talla de Blanca Portillo ou Magüi Mira

O Pazo de Cultura acollerá do 4 ao 27 de marzo a VI edición do Festival Internacional do monólogo teatral Singular. O evento foi presentado esta mañá pola alcaldesa e presidenta do Padroado de Cultura, Marián Ferreiro, e o edil de Cultura, Guillermo Sánchez Fojo, e consta dun total de doce monólogos teatrais dirixidos tanto ao público adulto como ao infantil, así como de actividades pararelas destinadas ao sector teatral. En concreto, o día 10 de marzo terá lugar un encontro entre programadores nacionais e internacionais (membros de Redelae) e compañías de teatro galegas, así como a e mesa redonda: "Circulación Internacional de Espectáculos Teatrais" na que participarán Gustavo Zidan (Uruguai), Octavio Arbelaiz (Colombia) e Zaida Sánchez (Costa Rica) baixo a presentación e moderación de Xosé Paulo Rodríguez (Galicia).

Os monólogos programados son os seguintes: 

  • Magüi Mira: Molly Bloom. Venres 4 de marzo ás 20:30 h. A actriz xa deu vida a este mítico personaxe da novela de James Joyce en 1980. Molly desvélanos a súa paixón pola vida, a súa relación co sexo; segura de sí mesma, goza da vida que vive e da vida que imaxina.
  • Quico Cadaval: Complexo de Edipo. Sábado 5 de marzo ás 20:00 h. O relato mítico orixinal do inmortal Sófocles versionado polo actor ribeirán en setenta e un trepidantes minutos.
  • Laura Sarasola: A nena que vivía nunha caixa de mistos. Domingo 6 de marzo ás 18:00 h. Espectáculo para o público infantil e familiar inspirado no conto A vendedora de mistos de Andersen. Unha proposta de teatro de actriz e monicreques que conta con música en directo.
  • Lucía Trentini: Música para fiambrería. Un policial verde. Venres 11 de marzo ás 20:30 h. Tres historias entrelázanse para contar un crime nacido da desesperación e do desamor.
  • Blanca Portillo: Silencio. Sábado 12 de marzo ás 20:00 h. Vestido cun traxe de etiqueta dentro do que non acaba de sentirse cómodo, o dramaturgo, ou seica unha actriz amiga a quen pediu que o represente nun solemne acto pronunciando un discurso titulado “Silencio”.
  • Larraitz Urruzola: A viaxe de Rosalía. Domingo 13 de marzo ás 18:00 h. Un espectáculo de monicreques unipersonal sobre Rosalía de Castro dirixido ao público infantil e familiar.
  • Empatía Teatro: Esas cousas marabillosas.  Venres 18 de marzo ás 20:30 h. Con moitos personaxes e moitas situacións que se desenvolven coa axuda e complicidade do público, constrúese esta peza tenra e emocionante sobre a depresión e ata onde chegamos pola xente a que amamos.
  • Dayana Contreras: La ciudad de las damas. Sábado 19 de marzo ás 20:00 h. Monólogo sobre o tema dos tópicos cos que se relaciona a unha persoa emigrante e os que se relacionan co seu xénero ao longo do tempo.
  • Xarope Zulú: Corochas. Domingo, 20 de marzo ás 18:00 h. Espectáculo de pequeño formato dirixido á primeira infancia (0-3 anos) que combina a narración oral, a manipulación de obxectos e a música.
  • Déborah Vukusic: Guerra de identidade. Venres 25 de marzo ás 20:30 h. Unha muller, metade galega e metade croata, que danza entre guerra históricas e conflitos individuais, dá conta da batalla na procura de si mesma, loitando entre o dramático e o cómico, o testemuño e a imaxinación, entre a memoria persoal e colectiva.
  • Isabel Risco: Bravas. Sábado 26 de marzo ás 20:00 horas. A actriz ofrécenos a súa particular visión da historia das mulleres galegas, unha historia sempre roubada, agochada e invisibilizada.
  • Xarope Zulú: Bichocas. Domingo 27 de marzo ás 18:00 horas. Espectáculo adicado á primeira infancia (0-3 anos) onde os obxectos e a palabra fannos viaxar a través do mundo animal.
     

As entradas para os espectáculos poden adquirirse ata o 16 de febreiro na quenda de persoas aboadas e estarán a disposición do público xeral a partir do día 19 de febreiro na billeteira do Pazo da Cultura.