Entrega de premios do XIII "Concurso de Pintura Cidade de Narón"

Mércores, 24 de Novembro de 2021

O pintor Andrés Gabarres recolleu o máximo galardón pola súa obra Plastic Hotel

O Pazo da Cultura acolleu na tarde de onte a entrega de premios do XIII “Concurso de Pintura Cidade de Narón”, certame que organizamos desde o Padroado da Cultura. O evento puxo fin aos actos conmemorativos do Día de Narón que se celebra cada 23 de novembro. 

A alcaldesa, Marián Ferreiro, fixo entrega do primeiro premio, dotado con 3.000 euros, a Andrés Gabarres Cagiao pola súa obra Plastic Hotel, a mellor das dezanove (provenientes de diferentes puntos do Estado) que pasaron á fase final segundo o xurado presidido polo artista plástico Melchor Balsera (gañador da pasada edición) do que ademais formaban parte como vogais Suso Basterrechea e Begoña Gorostidi. A obra pasará a ser agora propiedade do Padroado da Cultura de Narón, tal e como recollen as bases da convocatoria.

Onte tamén tivo lugar a entrega de premios aos autores e autoras das obras presentadas ás categorías infantil e xuvenil, quen recibiron un detalle pola súa participación.