Apagón Cultural nas redes

Venres, 10 de Abril de 2020
Durante o período de confinamento pola crise sanitaria o Padroado da Cultura de Narón ven mantendo actividade nas redes sociais, para seguir achegando ao público propostas culturais e artísticas de interese, ao igual que mantén a actividade a distancia das súas Escolas Culturais, co alumnado e profesorado traballando na casa. Seguiremos a facelo mentres non podamos reabrir os nosos espazos e retomar a nosa programación da maneira habitual.  
apagoncultural
Ao mesmo tempo, somos conscientes de que crise que padecemos ten unha enorme repercusión nos sectores artístico e cultural aos que nos  dedicamos. Agora mesmo perigan milleiros de postos de traballo nestes sectores e, con eles, periga tamén o dereito de todas as persoas a disfrutar da Arte e a Cultura.
 
Para reclamar medidas urxentes de apoio ás Artes e á Cultura, en situación crítica como consecuencia desta crise, o Padroado da Cultura de Narón súmase á convocatoria de  “Apagón Cultural nas redes” hoxe venres e mañá sábado. O domingo, día 13 regresaremos coa actividade pública nas redes sociais e coa actividade a distancia das Escolas Culturais.
 
Porque a Cultura é un dereito da cidadanía. Porque a Cultura é un ben necesario
#ApagónCultural