OS GOLFIÑOS E O XIGANTE MONICREQUES
Na década pasada Bao Si Shun foi considerado polo Récord Guiness o home máis alto do planeta pero a verdadeira sona chegaríalle o día que conseguiu extraer, grazas ao seu longuísimo brazo, dúas boias de piscina do esófago dos golfiños, salvándoos así dunha morte certa.
A noticia, publicada en todos os xornais do mundo, chamaba a atención, non tanto por ter salvado os golfiños, que tamén, senón porque amosaba dun xeito moi gráfico a necesidade de aceptar cada un de nos a súa diferenza e de ser aceptados como somos. Baseada neste feito real “Os golfiños e o xigante” é unha fábula contada con sombras chinesas a modo de “road movie” onde Jiang, a adestradora do acuario, vai tras as pegadas de Bao Sishun por toda a rexión, obrigada a superar distintos atrancos.
Nesta busca recibirá a axuda das persoas coas que se cruza no camiño, todas elas fascinadas pola personalidade xenerosa e entrañable do xigante, que lle irán dando pistas sobre o seu paradoiro. Finalmente atopa a Bao Xi Xhun na súa aldea natal no deserto do Gobi como pastor de cabras illado da vida social e da popularidade mediática. Tras recoñecer as boas intencións da rapaza, Bao Sishun, acepta ir o acuario tentar salvar os golfiños e ao lograr extraer as boias do esofago dos golfiños e devolvelos a vida, consegue desatascar as súas emocións e aceptar a súa diferenza.
Esta fábula de superación con final feliz foi “Premio Barriga Verde” de textos para monicreques na súa modalidade infantil no 2016.