XIIº CONCURSO DE PINTURA "CIDADE DE NARÓN"

Xoves, 19 de Novembro de 2020

Melchor Balsera Maldonado, veciño de Badaxoz, gañador do “XII Concurso de Pintura Cidade de Narón”.

O xurado que valorou as obras do “XII Concurso de Pintura Cidade de Narón” fixo público o fallo do certame, no que o primeiro premio, dotado con 3.000 euros, recaeu en Melchor Balsera Maldonado, veciño de Badaxoz, por unha obra que presentou sen título. A alcaldesa e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro, indicou que a esta edición do concurso se presentaron un total de 26 obras, das que o xurado seleccionou 23.

            Así mesmo, os integrantes do xurado concederon unha mención especial, sen dotación económica e con posibilidade de compra á obra “Novus ordo seclorum”, de Verónica Estefanía Bueno Salgado, veciña de Cidade Real.

            Un ano máis, fallouse tamén o Premio Especial Francisco Criado, dirixido a artistas amadores e enmarcado no “XII Concurso de Pintura Cidade de Narón”. Este ano presentáronse oito obras e o premio foi para “Tauros”, do naronés Víctor Manuel Rodríguez Saavedra, que recibirá un premio en metálico de 500 euros.

 

O vindeiro luns día 23, coincidindo co Día de Narón, festividade local, terá lugar o acto oficial de entrega de premios nas instalacións do Pazo da Cultura ás 18.00 horas. A alcaldesa, Marián Ferreiro, presidirá o acto de entrega, ao que tamén asistirán, entre outros, o concelleiro de Cultura, Guillermo Sánchez Fojo e os gañadores do primeiro premio e do especial Francisco Criado. Están convidados ao acto –con aforo limitado debido ao protocolo derivado da situación sanitaria- os portavoces dos grupos políticos da corporación local e tamén os integrantes do xurado, representantes da AVV San Xiao, así como familiares do finado pintor naronés Francisco Criado.

            O xurado desta edición estivo presidido polo escultor e pintor Manuel Patinha e entre os vocais estaban os artistas plásticos Jesús Basterrechea e Víctor García Novás.

Os traballos presentados ao certame poden verse xa na entrada do Pazo da Cultura -de 9.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00 horas de luns a venres e os sábados de 10.00 a 14.00- , donde permanecerán expostos ata o día 23 de novembro.

            A alcaldesa da cidade e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro, destacou a calidade dos traballos presentados e felicitou de antemán aos participantes nesta edición, mencionando especialmente aos premiados.