O PADROADO
O Concello de Narón puxo en marcha no ano 1981 o Padroado da Cultura, que é un ente autónomo, coa finalidade de darlle canle á participación dos sectores implicados no fenómeno cultural.
O Padroado da Cultura vendeu dende o pasado 4 de agosto preto de 2.000 entradas ao público xeral para acudir a algún dos vinte e tres espectáculos programados entre os meses de setembro e decembro no Pazo da Cultura. O alcalde accidental e edil de Cultura, Guillermo Sánchez Fojo, destacou que “as vendas avanzan a moi bo ritmo” e destacou a calidade dos espectáculos que se sucederán nos últimos catro meses do ano no Pazo.
En canto á acollida dos mesmos, polo momento vendéronse máis localidades para ver a comedia “Quen dixo medo?”, o venres 17 e sábado 18 de setembro, protagonizada por Carlos Blanco e Oswaldo Digón; “Los pazos de Ulloa”, que se representará os días 24 e 25 de setembro e con Pere Ponce e Olivia Molina entre o elenco; a comedia “Aquí tou”, protagonizada polo cómico galego Xosé Antonio Touriñán, que estará o 16 de outubro no Pazo; a obra “Las criadas”, que se poderá ver o 30 de outubro e de cuxo elenco forma parte a actriz Alicia Borrachero e “Anfitrión”, que o 27 de novembro traerá a Pepón Nieto, Toni Acosta e Daniel Muriel, entre outros recoñecidos actores, ao Pazo da Cultura.
Dende o Padroado da Cultura informouse que polo momento quedan entradas dispoñibles para todos os espectáculos deste ano, se ben se incidiu en que nos anteriormente indicados as vendas avanzan a maior ritmo.