O PADROADO
O Concello de Narón puxo en marcha no ano 1981 o Padroado da Cultura, que é un ente autónomo, coa finalidade de darlle canle á participación dos sectores implicados no fenómeno cultural.
Terá lugar do 11 ao 14 de agosto nos municipios de Narón, Neda e Cedeira
Onte tivo lugar no parque Freixeiro de Narón a presentación da 6ª edición do Festival Jazz de Ría, acto no que participaron, por parte de Narón, a alcaldesa, Marián Ferreiro e o director técnico do Padroado da Cultura, Luciano Fernández. Ademais, en representación de Neda asistiron a concelleira de Cultura, Verónica Vigo e a técnica de Cultura, Copi Villaamil, e, por parte de Cedeira, o alcalde Pablo D. Moreda, e o técnico de Cultura.
A directora do Festival, Aitana Cuétara, presentou o programa como “unha proposta artística que procura un equilibrio entre o jazz galego e os proxectos máis interesantes do jazz estatal, apostando polo intercambio e a colaboración con artistas e festivais doutros lugares”. Sobre a selección de propostas deste ano, a directora explicou que despois de propoñer en 2021 unha programación moi contemporánea, neste 2022 quixo achegarse máis ás marxes do jazz; “con propostas que xogan con outros estilos, como o soul das Sey Sisters, o flamenco de Los Aurora ou as músicas populares d’A Brigada Bravo&Díaz”.
A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, lembrou que "a edición do ano pasado foi un éxito" e que a vontade do Concello é continuar facendo parte do festival. Ferreiro animou á xente a que "asistan aos concertos en calquera das vilas, xa que non coinciden e que gocen desta semana de agosto".