Presentación estrea "VOX POPULI"

Xoves, 19 de Xaneiro de 2023

O Pazo da Cultura acollerá mañá venres e o sábado a estrea da primeira ópera rock galega 

Mañá venres, ás 20:30 h, será estreada no Pazo da Cultura a primeira ópera rock galega, "VOX POPULI", da compañía Malasombra Producións. A alcaldesa e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro, presentou o espectáculo xunto co director do Agadic, Jacobo Sutil, o responsable da compañía  teatral, Xoque Carbajal, e o actor e director naronés José Prieto. A obra terá un segundo pase o sábado, ás 20:00 h, e as entradas poden adquirirse no despacho de billetes do Pazo e por internet desde aquí a un prezo de 9,50 euros para o público xeral e de 6,65 en tarifa reducida (persoas aboadas, desempregadas, con carné xove ou de estudante).

Ferreiro recoñeceu que “é un orgullo que sexa Narón o lugar elixido para esta estrea dunha obra das compañías de maior relevancia no panorama cultural galego actual”, ao tempo que destacou o feito de que na mesma participen sete profesionais da cidade. Doce actores, actrices e músicos interpretarán en directo unha ópera rock con música e letras orixinais. A temática da obra xira arredor do auxe en todo o mundo dos discursos e partidos de extrema dereita.