O Pazo da Cultura acolle ata o 28 de abril a exposición “Don Gaiferos polos camiños cara a Compostela”

Venres, 16 de Abril de 2021

O Pazo da Cultura acolle ata o vindeiro 28 de abril a exposición “Don Gaiferos polos camiños cara a Compostela”, de Os Monicreques de Kukas, que conta co respaldo da administración autonómica no marco do Xacobeo 2021 e da Deputación da Coruña. As persoas que se acheguen ata as instalacións poderán ver na zona do hall as dúas partes das que consta a mostra, unha con planas orixinais do comic realizado por Marcelino de Santiago e Agustín de Castro no seu día sobre esta peza e a outra con monicreques de fíos e decorados da mesma.

            A obra, dirixida a público familiar e que se poderá ver este domingo ás 18.00 horas no Pazo da Cultura, conta a historia dun peregrino francés ata a súa morte aos pés do Apóstolo Santiago, en Compostela.

            O concelleiro de Cultura, Guillermo Sánchez Fojo, animou ás veciñas e veciños de Narón e tamén doutros concellos a desprazarse ata o Pazo da Cultura para ver esta exposición “moi orixinal e que permite coñecer un pouco máis o gran traballo que realiza a compañía galega Os Monicreques de Kukas e tamén profundizar en varios detalles da obra “Don Gaiferos” que este domingo se poderá ver no Pazo”.