O Pazo da Cultura é distinguido nos "Recoñecementos Escena Galega das Artes Escénicas”

Mércores, 26 de Abril de 2023

A infraestrutura municipal recibu o recoñecemento ao espazo “onde non che dan as chaves e marchan”

O director técnico do Padroado da Cultura, Luciano Fernández, recolleu onte en VIgo o recoñecemento ao espazo “onde non che dan as chaves e marchan”, entregado por Eva Triñanes, secretaria de Escena Galega (Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas), na primeira edición dos “Recoñecementos Escena Galega das Artes Escénicas”. A distinción destaca “o labor do persoal do Pazo e a oferta de equipamentos técnicos actualizados e coidados”, tal e como manifestaron dende Escena Galega, onde tamén incidiron no feito de que o Pazo aglutina “unha inxente actividade cultural de referencia na comarca de Ferrolterra, onde o sector goza de levar as súas pezas á cidadanía de Narón”.

Unha comisión-xurado integrada por persoas e entidades recoñecidas no ámbito cultural encargouse de elixir aos premiados nesta primeira edición. Os integrantes do xurado recoñeceron que “hai moitos espazos, que esperemos que cada vez sexan máis, nos que non nos dan a chave e marchan, senón que nos atende persoal amable e eficiente, e nos ofrece equipamentos actualizados e coidados”, en alusión ao Pazo da Cultura naronés. O director técnico do Padroado da Cultura agradeceu a distinción que recibiu o Pazo e valorou o recoñecemento ao traballo que se realiza día a día nas citadas instalacións co fin de ofrecer unha programación cultural diversificada e de gran calidade.