O Padroado da Cultura abrirá mañá o prazo de inscrición nos “Campamentos de Verán”

Luns, 31 de Maio de 2021

O Padroado da Cultura abrirá mañá o prazo de inscrición nos “Campamentos de verán” organizados un ano máis para favorecer a conciliación da vida laboral e familiar ás veciñas e veciños da cidade. A alcaldesa e presidenta do organismo, Marián Ferreiro, explicou que se trata dunha iniciativa dirixida a menores de entre 3 e 12 anos que se desenvolverá do 5 de xullo ao 13 de agosto, de luns a venres e en horario de 8.00 a 14.00 horas. “Terán preferencia á hora de inscribirse os menores de Narón, que deberán indicar a súa preferencia nunha das seis quendas habilitadas, nas que poderán participar nunha gran variedade de actividades, a maior parte delas no Pazo pero outras no exterior, de carácter lúdico e tamén outras formativas vencelladas a temas de patrimonio, igualdade…”

As quendas habilitadas son na semana do 5 ao 9 de xullo; do 12 ao 16, do 19 ao 23 e do 26 ao 30 e no mes de agosto do 2 ao 6 e do 9 ao 13. Os asistentes, tal e como indicou Ferreiro, dividiranse en grupos de idade, polo que haberá dez prazas como máximo para cada un dos grupos, de 3 a 5 anos, de 6 a 9 e de 10 a 12. As inscricións tramitaranse nas oficinas do Pazo da Cultura, de luns a venres en horario de 9.30 e as 13.30 horas e o prezo da actividade, regulado pola ordenanza municipal número 14 das actividades do Padroado da Cultura, é de 11,20 euros cada unha delas por persoa e semana.

            Os menores participarán en actividades como clases de baile, que se relacionarán coa temática semanal, xogos diversos para favorecer o desenvolvemento físico, mental e sensorial –psicomotrices, de expresión corporal…-; obradoiros de manualidades, tamén relacionados cada semana cunha temática; e practicarán técnicas de relaxación, para incentivar a concentración, axudar a vencer a timidez e eliminar a ansiedade. Toda esta programación combinarase con outras propostas como excursións que se programarán para realizar actividades na natureza e tamén se contempla o visionado de películas e a organización dalgunhas festas temáticas.

            Ferreiro animou ás familias da cidade a participar neste programa municipal “que debido á mellora da situación sanitaria podemos convocar de novo este ano para ofrecer ás veciñas e veciños da cidade un servizo que consideramos moi importante e necesario para favorecer a conciliación”.