O Concello celebrará o 27 de marzo, Día Mundial do Teatro, coa programación do Padroado da Cultura de Narón no Pazo e actividade da Escola de Teatro a través das redes.

Venres, 26 de Marzo de 2021

Cada 27 de marzo celébrase en todo o mundo o Día Mundial do Teatro. Esta é a data escollida no ano 1961 polo Instituto Internacional do Teatro (ITI) e a comunidade teatral internacional para que se realicen desde entón, en todos os lugares do mundo, numerosos actos para visibilizar e reivindicar a arte do Teatro e os seus oficios.

O Padroado da Cultura do Concello de Narón e a súa Escola de Teatro convidan ao público a sumarse, o vindeiro sábado 27 de marzo, á celebración do Día Mundial do Teatro, asistindo á súa programación teatral en vivo no Pazo da Cultura e sendo partícipes da actividade da Escola de Teatro a través das redes.