MATRÍCULAS ESCOLAS CULTURAIS MUNICIPAIS

Luns, 28 de Setembro de 2020

O Padroado da Cultura abrirá un prazo de matrícula extraordinario no mes de novembro para cubrir posibles vacantes nos diferentes cursos.

O Padroado da Cultura de Narón abrirá do vindeiro 2 ao 6 de novembro un prazo extraordinario de matrícula para dispoñer dunha listaxe coa que poder cubrir as vacantes que se poidan rexistrar nalgún dos cursos ofertados. As matrículas tramitaranse, como é habitual, nas oficinas do Pazo da Cultura, de luns a venres entre as 9.00 e as 14.00 e de 17.00 a 19.00horas.  As persoas que desexen recibir máis información ao respecto poden chamar ao número de teléfono 981 391 144 ou escribir un correo electrónico á dirección: d.canovas@naron.es.

            As Escolas Tradicionais ofertaron un ano máis clases de Danza tradicional, Canto e pandeireta (a partir de 5 anos); Gaita, Percusión tradicional (a partir de 6 anos); Acordeón, Zanfona (dende os 8 anos); Construción de instrumentos (a partir de 16 anos) e, O Recuncho dos Pequechos (de 3 a 4 anos). A maiores, nas Escolas Artísticas están as opcións de Debuxo (a partir de 6 anos) e Teatro (a partir de 4 anos) e  na Escola de Formación de Actores e Actrices, o primeiro curso (a partir de 16 anos), segundo e terceiro e o Practicum. Outra das modalidades das Escolas Culturais Municipais do Padroado da Cultura é Bailes de salón (a partir de 4 anos).

            A actual situación sanitaria obriga a remodelar por completo o desenvolvemento das clases, con grupos reducidos e incidindo no cumprimento de todas as medidas establecidas polas autoridades sanitarias para a prevención da Covid-19. Adaptación de espazos, horarios e número de alumnado por grupos foron algúns dos asuntos que se tiveron que reestructurar debido á pandemia do coronavirus.

            En canto ás matrículas que se formalizaron no prazo establecido, que rematou o pasado venres, dende o Padroado da Cultura recordouse que as persoas que non poidan acudir no día e hora asignados en función da organización do curso, dispoñen de prazo ata o 30 de outubro para solicitar a devolución do importe abonado.