O PADROADO
O Concello de Narón puxo en marcha no ano 1981 o Padroado da Cultura, que é un ente autónomo, coa finalidade de darlle canle á participación dos sectores implicados no fenómeno cultural.
A data celébrase cada 27 de marzo desde a súa instauración en 1961
Con motivo da celebración este vindeiro 27 de marzo do Día Mundial do Teatro, a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) encargou ao actor e director Fernando Dacosta a realización dun Manifesto Galego do Teatro que transcribimos de xeito íntegro a continuación.
MANIFESTO GALEGO DO DIA MUNDIAL DO TEATRO 2022
por Fernando Dacosta
'SOMOS'
Somos diversas
Somos persoas que non teñen nada asegurado, pero que teñen historias para contar
Somos habitantes de ningures en movemento cara algures
Somos da caste das nómades, das inmortais
Somos disidentes
Somos as persoas que portamos o facho dunha profesión trimilenaria. Unha profesión que existía antes dos ministerios, consellerías e concellerías de cultura e que seguirá existindo despois
Somos a voz, a literatura feita corpo, a respiración entrecortada, a suor, a exaltación dos sentidos e das emocións
Somos presidentes, ladróns, poetas, asasinos, tolos, cantantes, pallasos, titiriteiros, putas, emigrantes, exiliados, xenios, imbéciles, mortos e pantasmas
Somos directoras, dramaturgas, actrices, técnicas, deseñadoras, figurinistas, escenógrafas, programadoras ou docentes
Somos indecentes
Somos empresarias e proletarias
Somos viaxeiras constantes que convidan a quen queira a esa viaxe que volve o branco e negro que nos rodea en cor
Somos as que presentan a vida analóxica nun mundo dixital, porque pasamos dun valor a outro transitando polos valores intermedios
Somos superviventes de guerras, pandemias, insultos, persecucións, burlas, crises económicas e pestes
Somos as que morremos en moitas ocasións, as que vivimos as nosas mortes
Somos as que habitamos nun espazo da nosa sociedade onde a diglosia é á inversa: falamos e amamos o galego
Somos as que vivimos moreas de vidas, sublimes e miserables, e que convidamos a todo o mundo a vivilas con nós, porque poñerse na pel do outro reporta sabedoría
Estamos entre o abrente teatral e o rompente poético
Estamos cos ollos, as orellas e o peito aberto á nosa sociedade para devolverlle a imaxe do espello, pero non por repetida, senón por invertida, por subversiva, por distinta ao que se espera dende a liña argumental imperante
Presentamos os soños como un xeito de vida posible e entendemos a utopía como o camiño a seguir, diante de tanta distopía imposta
Dicimos que iso que nos contan non é exactamente así
Loitamos contra o efémero da arte teatral, porque o que se transmite permanece no maxín de quen o viu, de quen o sentiu, e de aí trasládase á súa contorna nunha rolda interminable
É hora de resolver a dúbida secular sobre ser ou non ser: somos!
Como aquel príncipe que se debatía entre o barbarismo da vinganza e o paso ao ser humano moderno que resolve os conflitos doutro xeito, entendemos que a dúbida é o razoable. Desconfiamos das certezas absolutas e abrimos fendas á disidencia e á subversión, opoñéndonos a quen todo o sabe.
Por iso, adiante, cidadáns! Somos batallóns, marchemos, marchemos. A revolución sempre é posible. E se nos acusan de inxenuos por crer no diálogo, no soño, na paz, na utopía e na poesía, enxalcemos a inxenuidade.
Fernando Dacosta
Desde Ourense. Cidade asediada culturalmente, a 27 de marzo de 2022.
Día mundial do Teatro.
Foto: La DIAPO Fotografía