Luciano Fernández, director técnico do Padroado, distinguido pola súa traxectoria

Sábado, 18 de Xuño de 2022

A Academia Galega do Teatro destacou o traballo realizado tras catro décadas

O noso director técnico, Luciano Fernández, foi distinguido este pasado xoves pola Academia Galega de Teatro en recoñecemento ao seu labor na promoción e difusión da escena galega ao longo das últimas catro décadas. O acto estivo presentado pola presidenta da Academia, Inma Antonio, quen destacou a “bravura” de Fernández, recoñeceu a súa carreira profesional como xestor cultural principalmente e destacou “o seu fondo compromiso coa cultura, sobranceiramente do teatro galego” e o seu esforzo para crear o Padroado da Cultura, as Escolas Culturais… e a traballar man a man con compañías galegas, a través de coproducións ou proxectos de residencias teatrais, contribuíndo á profesionalización da xestión cultural, fundamental para o desenvolvemento da actividade teatral no noso país.

Na recollida do premio, asegurou que o consideraba “como un premio a toda a profesión" e incidiu en que “para poder desenvolver un traballo como eu fixen era fundamental unha comprensión política, e sen o apoio que eu tiven dunha persoa que foi concelleiro de Cultura e despois alcalde de Narón, como Xosé Manuel Blanco, e outra persoa que foi concelleira de Cultura e despois alcaldesa, como Marián Ferreiro, sen a súa comprensión, sería imposible que Narón e que eu puidera facer o traballo que fixen (...). Fixemos unha política cultural pensando na cidadanía de Narón pero tamén no noso país, como un servizo público". Tanto a actual alcaldesa como o ex alcalde estiveron presentes no acto de entrega.