Festividade dos Maios 2022

Mércores, 4 de Maio de 2022

Tras dous anos suspendida por mor da pandemia, este sábado, día 7, volven os Maios a Narón!

A alcaldesa de Narón e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro, o concelleiro de Cultura, Guillermo Sánchez Fojo, a presidenta da Sociedade Cultural Areosa, de Piñeiros, Maribel Mouriz, e Abel González, integrante da citada entidade, presentaron esta mañá a programación da festividade dos Maios, que terá lugar este sábado, día 7, na cidade ao longo de toda a xornada. Desta forma, a tradicional festa recupera a súa celebración logo de dous anos suspendida a causa da pandemia. 

A programación comezará ás 11.00 horas na praza de Galicia coa elaboración dunha gran alfombra floral cun deseño do artista naronés Leandro Lamas. Na decoración poderán participar todas as persoas que así o desexen. Haberá, así mesmo, un obradoiro de arte floral.

Xa pola tarde, ás 16:30 h terá lugar a concentración dos Maios no Centro Cívico Social de Piñeiros. A comitiva, que partirá media hora máis tarde, contará coa participación da Asociación Sociocultural ASCM, da Sociedade Cultural Areosa (Piñeiros), das entidades veciñais Virxe de Fátima (Freixeiro), Rosa dos Ventos (Sedes), A Naveira (Doso) e da Fundación Terra de Trasancos (O Val). Arredor das 18:00 h chegará á praza de Galicia, onde será recibida con música a cargo da Banda de Gaitas de Narón, a agrupación O Recuncho dos Pequechos, os grupos da Escola de Baile Tradicional Infantil e de Adultos e Alxibeira, do Padroado da Cultura.

Dede o Padroado da Cultura impartimos os obradoiros de arte floral nos centros cívicos sociais de Piñeiros, O Val e San Mateo, así como nos grupos de Infantil e 1º e 2º de Primaria dos colexios Virxe do Mar, Ponte de Xuvia, Escola do Val, Jorge Juan, Santiago Apóstol, A Solaina, Ayala e Piñeiros.