O PADROADO
O Concello de Narón puxo en marcha no ano 1981 o Padroado da Cultura, que é un ente autónomo, coa finalidade de darlle canle á participación dos sectores implicados no fenómeno cultural.
A mostra poderá visitarse no hall do Pazo da Cultura do 12 de decembro ao 11 de xaneiro de 2025
O hall do Pazo da Cultura acollerá a partir do 12 de decembro deste ano e ata o 11 de xaneiro de 2025 unha escolma de gravados procedentes da Colección Afundación. A mostra fará un percorrido por conceptos, temas, estilos e linguaxes, presentes na arte contemporánea a través de nomes destacados do panorama español e galego. O hiperreallismo de Eduardo Naranjo ou Quintana Martelo, o mundo onírico de Jorge Castilllo, a delicadeza de Carmen Laffon, o equilibrio luminoso de Berta Cáccamo, a abstracción de Broto ou o volume de Chillida son só algúns dos aspectos que afloran nesta mostra. Todas as obras son gravados que pertencen á Colección de Arte Afundación.
Esta exposición supón un apoio á técnica do gravado, tan descoñecida como interesante, e que foi utilizada por algúns dos máis importantes nomes do noso panorama artístico para realizar traballos de gran forza expresiva. A temática das diferentes obras elixida flúe desde o concreto ao abstracto, dos obxectos á arquitectura, dos animais ás persoas. O real, o imaxinario e o abstracto conviven nos diferentes procesos e técnicas do gravado (augaforte, augatinta, xilografía, litografía, serigrafía…). Estas distintas temáticas, compartindo un mesmo espazo, permiten transmitir que a énfase da exposición reside na diversidade, nas posibilidades inherentes ás técnicas do gravado e, por suposto, na liberdade creativa da arte contemporánea.