Ciclo de Teatro 2023 da Escola de Actrices e Actores

Xoves, 23 de Novembro de 2023

Constará de tres representacións teatrais, de balde, que terán lugar en decembro no Auditorio de Narón

Os días 13, 19 e 20 de decembro, ás 20:30 h, o Auditorio de Narón acollerá tres espectáculos da Escola de Formación de Actrices e Actores durante este primeiro tramo do curso 2023/24, previo ás vacacións de Nadal: 

  • "Dora surrealista", mércores 13 de decembro.
    Mostra de creación colectiva de Terceiro curso e Practicum, dirixido por Celia González e Laura Sarasola, estreado o 7 de xuño de 2023. Este espectáculo fálanos de Dora Maar, fotógrafa destacada do surrealismo francés dos anos 30. Desde principios da década, ademáis da fotografía surrealista (representada á perfección no Retrato de Ubú, símbolo do movemento), dedicouse á fotografía de rúa, ao retrato e á fotografía de moda ou publicidade. Durante moitos anos foi esquecida e relegada a musa de Picasso, pola súa relación persoal con el. A obra intenta dar a coñecer a súa vida e sobre todo a súa obra.
     
  • "Terapias alternativas", martes 19 de decembro.
    Estrea da mostra de Teatro Musical do curso Practicum, escrita e dirixida por Bea García. É unha obra musical que trata sobre as facetas máis crueis do ser humano. Fiada entre a sátira e o humor negro, este espectáculo fala da búsqueda e a reafirmación do lado máis escuro do poder e de quen o exerce, a través dun evento de "coaching persoal" ao que son invitadas, por un anfitrión moi profesional, persoas das grandes elites mundiais.
     
  • "Noite de reis", mércores 20 de decembro.
    Espectáculo do curso Practicum dirixido por Celia González, con texto de William Shakespeare, traducido e adaptado por Quico Cadaval, e estreado o 30 de marzo de 2022. Na costa do reino de Iliria, Viola e Sebastián, irmáns xemelgos, tras un naufraxio, acaban separados e crendo na morte un do outro. Viola farase pasar por un paxe de nome Cesario, na corte do Duque Orsino. A partires deste momento, desencadearanse unha serie de enredos, mentiras, identidades falsas e personaxes do máis extravagantes, que darán como resultado unha das comedias máis divertidas do dramaturgo inglés.

A entrada aos tres espectáculos é completamente de balde.