Ciclo de Cine galego no Pazo da Cultura

Luns, 20 de Setembro de 2021

Serán un total de catro proxeccións, todas de balde, que se celebrarán ao longo de catro xoves, sempre a partir das 20:00 h

O Concello de Narón e o Cine Club Serie B organizan o "Ciclo de cine galego" que se desenvolverá ao longo deste mes e outubro no Pazo da Cultura. A alcaldesa e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Cultura, Guillermo Sánchez Fojo, presentaron hoxe a programación acompañados polos integrantes do citado Club Alberto Pena, presidente, Anabel Varela, secretaria, Aitor Hermida, tesoureiro, e María Vales, vogal.

Trátase dunha proposta con entrada de balde, ata completar a capacidade do Pazo, podendo retirarse as entradas no despacho de billetes do Pazo da Cultura.

As propostas que poderemos ver son as seguintes:

  • 23 de setembro: Sempre Xonxa (1989). Dirixida por Chano Piñeiro, foi a primeira película galega rodada en 35 milímetros.
  • 30 de setembro: A illa das mentiras (2020). Dirixida por Paula Cons, conta con cinco premios Mestre Mateo, incluído o de Mellor dirección
  • 7 de outubro: Dhogs (2017). Dirixida por Andrés Goteira, trátase da película máis premiada dos premios Mestre Mateo, con trece galardóns.
  • 14 de outubro: Eroski Paraíso (2019). Dirixida por Jorge Coira e Xesús Ron, foi premiada nos Mestre Mateo nas categorías de mellor protagonista feminino e masculino.