NARRACIÓN ORAL
FEIRANTES é un espectáculo teatral baseado nas narracións de Álvaro Cunqueiro recollidas no seu libro Os outros feirantes. Como se sabe, nestas narracións aparecen reflectidas as andainas de diversas e curiosas personaxes: aquel que falaba co seu cabalo; o outro o que lle falaban as cousas: as cadeiras, as zocas, a culler, o seu propio estómago; aquela voadora de Serantes que voaba sentada nunha banqueta; aquel Tristán García que morreu de tristura porque non atopou a súa Isolda; aquel Novagildo Andión que recorría as feiras co seu autobús, ou aquel que tiña un ollo de cristal que, como o oculista non tiña outro, deulle un de segunda man de cor violeta; ou aquela Anxeliña de Prado que naceu anana, pero cunha habilidade, bordar panos con lendas para os velorios.
Un espectáculo homenaxe á vaca e ás estrañas e curiosas personaxes que aínda habitan moitas aldeas de Galicia e tamén, porque non dicilo, un espectáculo homenaxe a Álvaro Cunqueiro.
Ficha Artística:
Interpretación: Imma António
Dirección escénica: Eduardo Alonso
Música orixinal: Chefa Alonso
Iluminación: Eduardo Alonso
Produción: Eva Alonso
Adaptación escénica: Eduardo Alonso