TEATRO CONTEMPORÁNEO
Cada pegada é o recordo dunha obra, dunha escena, dun personaxe... E de personaxes quero falarlles, dos personaxes que me acompañaron ao longo da miña vida teatral e das pegadas que quedaron na miña memoria e tamén na de vostedes os espectadores.
Son mulleres, mulleres e un home, que viviron perdidos nun tempo, mais que non se foron de todo, quedaron sempre as melodías das súas voces e fican anicadas por algún agocho e, ás veces falan así, por sorpresa, para volver ao seu recuncho deseguido.
Son pegadas que foron quedando e ao mesmo tempo mudando a súa face.
É, se cadra, unha mirada cara atrás, ou tal vez unha parada para a reflexión, para facer balance, para facer unha análise do que queda, do pouso. Ou, ao mellor, é simplemente un repaso de momentos, dalgúns momentos.
Seguro que é iso, momentos vividos e compartidos. Vividos e tamén perdidos nas horas do tempo non vivido, mais dos que sempre quedan restos, vestixios agochados nalgún punto da memoria, como cando a presada da area esvara por entre os dedos e non queda máis que o apresto das súas formas, ou como cando as ondas borran as pegadas na praia e só fica o rumor da area mudada.