Tanxgueiras en Narón!

Venres, 18 de Febreiro de 2022

Actuarán no Pazo da Cultura o vindeiro 8 de abril

Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro son Tanxugueiras, tres cantareiras para unha nova década. Só elas son capaces de reinterpretar os sons dunha tradición milenaria fusionándoa con ritmos urbanos, máis próximos ao trap ou á electrónica. A súa enerxía, o seu empoderamento, a súa contundencia e o seu virtuosismo vocal son os máximos expoñentes do seu innovador estilo, coñecido como trad. O trío recolle o legado das pandeireteiras, as mulleres que traballaron por manter viva a música tradicional galega, para revisionalo e lanzarllo de novo ao mundo nunha explosión de modernidade, contando cun estilo épico e unha forza ancestral que xa as fixo triunfar en escenarios de varios países.

Aválanas éxitos como ‘Midas’, ‘Figa’, ‘Averno’ (colaboración con Rayden) ou ‘Terra’ (con máis de 11.000.000 escoitas nas plataformas dixitais a finais de xaneiro), tema co que se alzaron como as favoritas do público no Benidorm Fest, competindo por ir a Eurovisión con artistas como Rigoberta Bandini, Chanel, Varry Brava ou Javiera Mena. Todo formará parte do seu novo disco, que verá a luz neste 2022 e co que presentarán un potentísimo show. 

Son o son dun pobo internacionalizado. Son a cultura tradicional na pista de baile. Son todos os mundos nun só. Porque para Tanxugueiras “non hai fronteiras”.

Poderás conseguir a túa entrada a partir do martes 22 de febreiro ás 9:30 h desde www.padroadodecultura.es/gl/espectaculos ou no despacho de billetes do Pazo. Os prezos serán de 25 € en patio de butacas e 20 € nos anfiteatros.