Presentada a programación cultural para xaneiro e febreiro de 2022

Mércores, 15 de Decembro de 2021

Ara Malikian, Aitana Sánchez-Gijón ou Joaquín Reyes, entre os grandes protagonistas dunha programación que inclúe dúas estreas teatrais.

A programación no Pazo da Cultura para o primeiro bimestre de 2022 comezará co concerto do violinista Ara Malikian, que recalará en Narón dentro da súa xira mundial, Ara Malikian World Tour, na que está a presentar o seu novo disco, Ara. A cita será o venres 7 de xaneiro ás 20:30 h.

A historia de dúas mulleres e as súas familias, obrigadas a fuxir dos seus respectivos países (Afganistán e Iraq) para rematar como refuxiadas nun campamento é o eixo do teatro documento Moira.Haberá catro pases, para un máximo de 50 espectadores cada un, dous o venres 14 de xaneiro e outros dous o sábado 15 ás 20:00 e ás 21:30 h. O sábado haberá, ademais, unha charla, Islas Jaula, sobre a situación das persoas refuxiadas e a planificación das illas como espazos de retención. Nesta sesión coñeceremos tamén o proceso de creación e montaxe de Moira

Cigarreras, adaptada e dirixida por Cándido Pazó a partir da obra de Emilia Pardo Bazán La Tribuna, será representada o venres 21 de xaneiro (20:30 h) e o sábado 22 (20:00 h). O elenco está formado por Tamara Canosa, Susana Dans, Merce Castro, Isabel Naveira, Covadonga Berdiñas, Ana Santos e Ledicia Sola.

Remataremos xaneiro coa estrea do drama Último verán en Santa Cristina, escrita e dirixida por Eduardo Alonso e interpretada por Luma Gómez, Miguel Pernas, Xavier Estévez, Manuela Varela e Maxo Barjas. A obra narra a historia dun rapaz de 12 anos que en 1960 pasa o seu último verán na praia de Santa Cristina, algo que rememorará moitos anos despois, xa adulto, cando recibe recibe unhas cartas supostamente propiedade da súa nai xa morta. Haberá dous pases, o venres 28 ás 20:30 h e o sábado 29 ás 20:00 h.

O sábado 4 de febreiro (20:30 h) cambiamos totalmente de rexistro con Festejen la broma, o novo espectáculo cómico do humorista Joaquín Reyes.

Quenda para o público infantil e familiar con Tarzán, inspirado na clásica historia cunha versión realizada por José Carlos García e Kike Díaz de Rada e interpretada por Irene Hernando, Aritza Rodríguez, Eriz Alberdi e Javi Tirado. Nesta versión, Lord Greystcke VIII, un nobre inglés que acaba de liberar aos animais do zoo londinense, tentará convencer a un psicoanalista de que el era o bebé que, 25 anos atrás, fora adoptado por Kala, unha mona que acababa de perder a súa cría. A cita será o domingo 6 de febreiro ás 18:00 h.

A seguinte fin de semana (venres 11, 20:30 h e sábado 12, 20:00 h) será a estrea de Smoke on the water, escrita e dirixida por Santiago Cortegoso. Unha parella en estable crise permanente tras 25 anos de matrimonio confronta a aparición de dúas novas persoas que poñen en cuestión a relación. O elenco está formado por Josito Porto, Belén Constenla, Adrián Ríos, María Costas e Mon Orencio.

A traxicomedia Malvivir porá o punto final á programación do primeiro bimestre do ano. Interpretada por Bruno Tambascio, Aitana Sánchez Gijón e Marta Poveda narra en primeira persoa a vida secreta da pícara Elena de Paz, muller libre, rebelde, ladroa, enxeñosa, mentireira e fuxitiva que desafía todas as convencións da súa época (século XVII) e paga o prezo da súa liberdade.