O Padroado da Cultura colabora nunhas xornadas do CIFP Ferrolterra cunha exposición de instrumentos de música tradicional galega

Venres, 22 de Abril de 2016

 

O CIFP Ferrolterra, de Ferrol, acolle unha exposición cunha trintena de instrumentos musicais realizados polo alumnado dos Obradoiros de Construción de Instrumentos Tradicionais Galegos que se imparten a través do Padroado da Cultura do Concello de Narón. 

A mostra poderá visitarse ata o vindeiro 3 de maio –no horario habitual de apertura do centro unha vez rematadas as xornadas- e enmárcase nas “XXII Xornadas Técnicas Nacionais do Profesorado de Madeira e Moble” organizadas polo citado centro para hoxe, mañá e o sábado 23 de abril, en colaboración con diversas entidades, entre elas o Padroado da Cultura de Narón.

            Pandeiretas, pandeiros, pandeiras, bombos –un deles, o de maior tamaño, cun debuxo do muíño de Xuvia-, charrascos, trécolas, culleres e tambores son algúns dos instrumentos que se poden ver nesta mostra. Unha parte dos mesmos realizouse este ano, se ben outros xa os fixo alumnado de cursos anteriores.

            O Obradoiro de Construción de Instrumentos Tradicionais Galegos do Padroado da Cultura ten neste curso un total de 63 alumnos e alumnas, todos eles maiores de dezaséis anos, requisito imprescindible para poder asistir. As clases impártense os martes, mércores e venres polas tardes e os sábados todo o día entre os meses de outubro e xuño. O profesor Emilio Romero está á fronte deste obradoiro desde hai dezaséis anos, se ben as clases impártense desde o ano 1996 a través do Padroado da Cultura do Concello de Narón, cunha gran aceptación entre a veciñanza.