ALDAOLADO NO PAZO DA CULTURA DE NARÓN!

Xoves, 15 de Novembro de 2018

A partires de hoxe mesmo , os abonados xa podedes adquirir as localidades para ver "Cría fama e bótate a correr" de Aldaolado, e o público en xeral pode adquirilas dende o vindeiro venres 23 de novembro.

foto aldaolado.jpg

Lucía Aldao e María Lado compoñen o dúo Aldaolado, co que levan máis de dez anos achegando a poesía de maneira diferente a espectadores de todo o país. Os seus recitais son auténticos espectáculos que unen a lectura de poemas propios , humor e música en directo, con moita frescura e unha importante participación do público. Son a comunión perfecta entre emoción e risa, e con eles estiveron presentes en festivais, festas, centros de ensino, concellos, teatros, bares e todo tipo de escenarios e eventos.

As dúas poetas son autoras dunha ampla obra, inédita no caso de Aldao e editada en seis poemarios no caso de Lado, e ámbalas dúas contan con sobrada experiencia sobre as táboas, o que lles permite unir improvisación e números preparados a conciencia nas súas actuacións. Con estas armas falan do amor, da lingua, da muller, das súas propias experiencias como creadoras, do tempo que lles tocou vivir... Un Aldaolado é sempre unha celebración da poesía, da ledicia e da vida e unha demostración de como un poema pode mudar (un pouco) a realidade.