XXVI FESTIVAL INTERNACIONAL FOLCLORE

DATOS BÁSICOS

16 de xullo - 21:00 h.

Banda de Gaitas e Grupo de danza tradicional Alxibeira do Padroado da Cultura do Concello de Narón - Compañía Sentires, Arxentina - Asoc. C.F. Salmorena Losareña, Cáceres - Grupo de Folclore Punta do Sol, Illa de Madeira, Portugal - Folklorni Asamble Doma Kulture "Prnjavor", Serbia

Banda de Gaitas do Padroado da Cultura do Concello de Narón

A Escola de Gaita do Padroado nace no ano 1982, e tres anos despois créase a Banda de Gaitas.

No ano 1987 prodúcese unha renovación de gran parte dos seus compoñentes, que realizan a súa primeira actuación a mediados do ano 1989.

A actual formación abrangue 40 compoñentes de diferentes idades, resultantes da formación integral de músicos tradicionais que se está a levar nas escolas de gaita, percusión (tambor e bombo) e pandeireta, escolas ás que asisten arredor de  300 alumnos e alumnas, que realizan máis de 30 actuacións anuais.

As gaitas que utiliza están afinadas en si natural, feitas polo  obradoiro de gaitas Seivane. A percusión que presenta nas súas actuacións está feita artesanalmente no obradoiro de construción de instrumentos de percusión tradicionais que o Padroado da Cultura ofrece á poboación naronesa.

O repertorio que adoita interpretar nas súas actuacións é de corte tradicional, recuperada por diversos colectivos que realizan traballos de investigación de campo, así como tamén de autores que achegaron novos traballos co máis puro sabor galego. De este xeito presentan muiñeiras, xotas, mazurcas, alboradas, pasodobres, etc.

A Banda de Gaitas do Padroado da Cultura de Narón é unha das formacións máis antigas da comarca, contando con máis de 30 anos de existencia.

Entre as actuacións que ten realizado, cabe destacar a Inauguración da Expo 98 en Lisboa, Festival Folclórico de Coímbra (Portugal), Festas de S. João de Braga (Portugal), Festival Intercéltico de Aínsa (Huesca),  Festival de Albacete, así como tamén actuou en infinidade de festas e romarías populares. 

Grupo de danza tradicional Alxibeira do Padroado da Cultura do Concello de Narón

 

“ALXIBEIRA” é un grupo de mozos e mozas con idades comprendidas entre os 15 e os 30 anos, unidos por un mesmo espírito de recuperación das nosas tradicións máis xenuínas.

A súa creación tivo lugar a finais do 1986, e os seus compoñentes pertencían ás diversas Escolas de Baile Tradicional que o Padroado da Cultura do Concello de Narón tiña espalladas polas parroquias, e a distintos entes privados e públicos , todos eles dentro do propio Concello.

A idea da formación do Grupo xurde do Padroado da Cultura, cun obxectivo claro e preciso: a revalorización do folclore e costumes de Galicia, e a recuperación das nosas tradicións, fundamentando os traballos de investigación nas verdadeiras raíces autóctonas.

Por todo isto,  “ALXIBEIRA” inicia un arduo traballo de investigación por diversas zonas da xeografía galega, en busca de bailes, cancións..., e de todo aquilo que puidera estar relacionado dalgún xeito coa Cultura Tradicional Galega.

Con todos estes datos elabora o seu repertorio composto por algúns dos bailes máis representativos de cada zona, e tamén por un bo número de cancións, coa intención de buscalos matices peculiares de cada comarca.

No que concirne ó vestiario, tódolos traxes foron reconstruídos seguindo fielmente os patróns e tecidos dos traxes antigos, e incluso conserva, a Agrupación, algunhas das pezas orixinais, obtidos grazas ás xentes das aldeas que aínda os gardaban celosamente en antigas huchas.

“ALXIBEIRA” crese na obriga de continuar investigando, como unha tarefa a realizar “moi urxente”, pois do contrario, en moi poucos anos, todas estas tradicións e usos cotiáns de divertimento, que foron un proceso de varios séculos de tradición, interrompidos nestas catro ou cinco décadas, caerán no esquecemento, chegando incluso a desaparecer.

A presentación oficial de “ALXIBEIRA” tivo lugar o 30 de xullo de 1988. Na actualidade, os rapaces e rapazas que integran a agrupación pertencen á segunda formación.

O seu repertorio está formado por bailes, cantigas e músicas propias de aldeas de Lugo, Pontevedra e A Coruña, sendo esta última a que acada maior protagonismo, centrándose principalmente nas comarcas de Bergantiños e Xallas; así, consta con maneos: Mira, Cabaleiros...; muiñeiras vellas: Vilela, Veiga de Brañas; jotas: San Salvador, Imende; mazurcas; pasodobles...

Sol Argentino, Arxentina

O grupo folclórico Sol Arxentino foi fundado en 1996 na cidade de Merlo, provincia de Buenos Aires, Arxentina, pola señora María Elena Carabajal.

 

 

Este grupo pretende manter viva a tradición arxentina a través de: danzas, bombo criollo, cancións populares, costumes, historias e lendas da súa patria.

Ten no seu repertorio danzas de todas as rexións. Nesta oportunidade representasen  danzas do litoral,  chamamé, rasguido, valceado, danzas da rexión central, chacareras, escondidos zambas , malambos,  e tamén tango arxentino , percusión con bombos legúeros santiagueños.

Asoc. C.F. Salmorena Losareña, Cáceres

 Asociación Cultural Folclórica “Salmorena Losareña” nace en Losar de la Vera, vila do norte da provincia de Cáceres, sito na comarca de la Vera, na ladeira sur da Serra de Gredos. 

Fundouse en 1993 como consecuencia dun curso de xotas impartido por unha asociación local. Salmorena Losareña ten no seu repertorio cancións e danzas de toda Estremadura, aínda que en maior medida, as da comarca de la Vera que por distintas circunstancias é unha terra moi rica en folclore.

O grupo está formado por 39 persoas, e conta ademais cunha escola infantil de baile na que hai 25 nenos e nenas.

Os temas son xotas populares estremeñas e outras cancións arranxadas polo grupo. Hai tamén algunhas, como “De la Vera”, que son orixinais do grupo. 

Os instrumentos usados son os que utilizaban os nosos maiores nas roldas: guitarras, laúdes, bandurras, botella, morteiro, acordeón...

As actividades foron múltiples, participando en numerosos festivais nacionais e internacionais. Entre os festivais en España nos que participou Salmorena Losareña destacan o Festival Internacional de la Sierra 2000, de Fregenal de la Sierra, e o V Festival Folk Internacional de Plasencia, no 2000, televisado en directo pola segunda canle da TVE no circuíto de Estremadura e pola Canle Internacional de TVE. A nivel internacional participou en festivais de Portugal, Italia e Turquía.

Cada ano o grupo organiza en Losar de la Vera o Festival Folclórico Internacional de Losar, no que participan, ademais de Salmorena, varios grupos, sendo sempre algún doutro país. Este festival celébrase habitualmente o día 19 de xullo ou o sábado máis próximo a esta data, coincidindo coas festas.

O grupo ten gravados dous discos publicados nos anos 1997 e 2000 respectivamente.

 Salmorena Losareña pertence á Federación Extremeña de Folklore dende 1996 e á CONFEE (Confederación de Folclore do Estado Español) dende o mesmo ano.

Grupo de Folclore Punta do Sol, Illa de Madeira, Portugal 

Foi fundado a 2 de Agosto de 1981 o Grupo de Folclore de Punta do Sol, co obxectivo de recoller, preservar e divulgar, os usos, costumes e tradicións da Rexión Autónoma da Madeira, en particular do Concello de Punta do Sol.

Ao longo da súa existencia (35 anos), este grupo ten funcionado como unha auténtica Escola de Folclore e de Vida, onde se promove a formación continua, teórica e práctica dos nenos, adolescentes, mozos e adultos.

 É membro efectivo da Federación de Folclore Portugués, desde 1990, sendo o primeiro grupo madeirense federado.

O ano de 2006, foi homenaxeado co Galardón da Cultura, polo Goberno Rexional da Madeira, a través da Secretaría Rexional do Turismo e Cultura, polos servizos prestados en prol da Cultura.

Para alén de percorrer toda a Illa da Madeira en eventos diversos, ten participado tamén en Festivais de Folclore en todo o País e no Estranxeiro, nomeadamente no Brasil, Alemaña, España e Francia.

En 2001 organizou, en colaboración coa Federación do Folclore Portugués, a VIII Exposición Nacional de Traxes ao vivo, na Punta do Sol e Funchal.

Organizou 2 congresos de Folclore na Madeira, coa colaboración da Federación do Folclore Portugués e do Goberno Rexional.

Por ocasión das “Festas do Concello de Punta do Sol”, organiza desde hai 25 anos, o Festival Nacional e Internacional de Folclore, con transmisión para RTP Madeira e Internacional, onde están presentes grupos que polo seu traballo dignifican o Folclore Rexional, Nacional e Internacional.

Folklorni Asamble Doma Kulture "Prnjavor", Serbia

O grupo nace da Casa da Cultura de Prnjavor que a través das distintas seccións traballan na recuperación e reconstrución da cultura do seu distrito.

Nos últimos 15 anos melloraron o funcionamento de todos os sectores da Casa da Cultura e en particular o grupo folclórico. Actualmente a sección de folclore consta de 230 membros.

O repertorio do conxunto consta de 22 coreografías.

Participan en numerosos festivais ao longo de todo o país co que conseguiron numerosos recoñecementos destacando en 2008 o premio ao mellor conxunto folclórico do seu distrito.

Ademais das actuacións en Serbia, participa en numerosos festivais internacionais en toda Europa, destacando en particular Grecia, Bulgaria, Romanía, Ucraína, Polonia, Chipre, Turquía, Alemaña, Italia ...

 

Xénero: 
  • Danza
  • Tradicional
Lugar do espectáculo: 
Pazo da Cultura
Duración: 
2 horas
Prezos: 
0 €
Funcións: 
Sábado, 16 de Xullo de 2016 21:00
cartel NARON 2016.jpg