Xoves, 26 de marzo ás 20:30 h.
Víctor Aneiros, edita un novo disco, o sétimo da súa discografía oficial, e o bautiza co inequívoco título de "A soidade pide copas nos bares".
Edita, unha vez máis, o selo vasco Gaztelupeko Hotsak, que xa ten no seu catálogo cinco discos do músico de Ferrol.
Son versións acústicas tiradas de tres discos anteriores, O blues do amencer (2004), Heroe secreto (2008) e Brétemas da memoria (2010). Xuntas, na súa nova forma acústica -pero en absoluto desenchufadas- as pezas compoñen un sublime fresco arredor da melancolía.
As versións de "Miña bala perdida", "Vida bohemia", "Un tute á morte" e "Autor de westerns" cobran novos significados nos solos da guitarra clara, limpa, espida de Aneiros. E medran tamén en intensidade, coa incorporación afortunada dun vello coñecido do guitarrista: Fran Rey, que mantén fermosos diálogos bohemios, casi parisiens, co seu acordeón. É un duelo amistoso, parolado con profunda sinxeleza, fronte á guitarra de Aneiros.
Nesta época de pensamentos únicos e dóciles, esquecer -para non sentirse estranxeiro- é o que quere a maioría. Pero "A soidade pide copas nos bares" propón todo o contrario, e bota unha arrolladora ollada nostálxica sobre todo o que perdimos.