ULTRANOITE NO PAÍS DOS ANANOS - CHÉVERE

DATOS BÁSICOS

Venres 11 e Sábado 12 de Decembro - 20:30 e 20:00 h.

En xaneiro de 1993 empezaron a facerse as Ultranoites na Nasa, ao mesmo tempo que a Xunta de Galicia inventaba un alter ego para incorporarse ao futuro, o Xacobeo, surfeando sobre a marea de subvencións que chegaban da Unión Europea. A Galicia xacobea e a Ultranoite medraron en paralelo sen cruzar nunca os seus camiños. Por unha chegaron cartos a chou para pagar autovías, alta velocidade, aeroportos, polígonos industriais, paseos marítimos, portos exteriores, auditorios, subvencións, campañas publicitarias, fundacións de todo tipo e mesmo unha Cidade da Cultura que permanece en ruinas como símbolo dun país de ananos que quixo ser xigante. Mentres, a Ultranoite mergullouse en canles subterráneas para ofrecer un reflexo cómico, crítico, gamberro e perralleiro desa realidade tan aparente pero  tan oca.

Agora, 20 anos despois, e mentres non chega a vindeira celebración xacobea, facemos unha paradiña no camiño da Ultranoite para botar a vista atrás con tanta inxenuidade como rencor e certificar musicalmente sobre o escenario a nosa derrota. Galicia segue imparable na súa perda de identidade. E a Ultranoite desborda personalidade.

País dos Ananos é unha viaxe retranqueira que facemos a través da Ultranoite ao tempo e ao lugar que nos tocou vivir. Podémolo chamar Galicia se queremos. Un lugar definido polo despilfarro do presente, o cinismo das clases dirixentes e o fin da esperanza nun futuro mellor. Para retratar esta terra humillada polo asfalto servímonos da compañía de dous autores emparentados polo seu mal humor e un lirismo tan afiado como insultante: Jonathan Swift e Celso Emilio Ferreiro. Diante deles nós somos simples aprendices. E seguramente esta Ultranoite é unha marcianada máis propia da Serie B. Pero somos honestos, só un cheiro satírico pode facer respirable un réxime tan corrompido.

Esta Ultranoite no Pais dos Ananos é como un 2x1, ten un estómago e un corazón. Co estómago na man fixemos uns sketches inzados de tópicos, chascarrillos e lugares comúns cun aire de festival de fin de curso, para ceibar unhas risas cómplices. A corazón aberto ofrecemos unha presa de músicas e cancións sen lugar para esperanza, pero dun lirismo, unha beleza e unha contundencia incomprensiblemente arrebatadoras.

Xénero: 
  • Teatro
  • Comedia
Lugar do espectáculo: 
Pazo da Cultura
Duración: 
1 hora e 35 minutos
Prezos: 
9,50 € Público Xeral / 6.65 € Abonados - Carné Xove ou de Estudante (ata 25 anos) - Desempregados
Información da billeteira: 

Venres 11  e Sábado 12 de Decembro - 20:30 e 20:00 h.

  • Público: Adultos
  • + Info: 981 102 897
Funcións: 
Sábado, 12 de Decembro de 2015 20:00
CHÉVERE.jpg