SONS MIÚDOS

DATOS BÁSICOS

A música galega pasa por un excelente momento, pois conta na actualidade con grandes e variadas propostas entre as cales destacan as destinadas ao público máis pequeno. Tanto é así que se pode dicir que Galicia e o galego están á cabeza en canto á creación de música infantil grazas a grupos como Mamá Cabra, A nena e o grilo, María Fumaça ou cantantes como Pablo Díaz, Paco Nogueiras ou Xoán Curiel, creadores de propostas de altísima calidade que, ademais de ser didácticos e de facer unha labor de normalización lingüística, tamén están logrando introducir ás nenas e nenos de Galicia no gusto pola música de diversos xéneros.

 

Tendo en conta todo isto, “Sons miúdos” quere facer evidente a gran riqueza do panorama musical galego infantil a través dun espectáculo que consegue reunir enriba dun mesmo escenario aos máis importantes músicos e cantantes destes grupos galegos. Conducido pola actriz Montse Piñón e o actor Pepablo Patiño irase fiando unha narración de xeito teatral que percorrerá a historia da música galega infantil dos últimos 15 anos a medida que se vai tocando unha lista de cancións escollida entre o repertorio dos e das cantantes colaboradores e tocada e cantada polos seus protagonistas.

 

Así pois, o espectáculo estará composto por unha banda base formada por un cuarteto musical que reúne aos mellores músicos dos grupos infantís, todos eles cunha importante traxectoria profesional. A isto hai que engadirlle a colaboración de seis cantantes dos máis afamados grupos así como a dos dous actores antes mencionados. En total, doce grandes artistas da cultura musical infantil, coñecidos por todo o público miúdo, nunha escenografía creada para a ocasión que vestirá de gala esta festa da música.

Xénero: 
  • Infantil
Lugar do espectáculo: 
Pazo da Cultura
Duración: 
1hora e 15 min
Prezos: 
9,50 € Público Xeral / 6,65 € Abonados - Carné Xove ou de Estudante (ata 25 anos) – Desempregados
Información da billeteira: 

+info e reservas 981 102 897 ou taquilla.pazo@naron.es

Funcións: 
Domingo, 17 de Abril de 2016 18:00
Sons Miúdos