ÓPERA INFANTIL COA ORQUESTRA SINFÓNICA DE GALICIA
Spiridon, o loro favorito do emperador, acaba de escapar de palacio voando pola fiestra. Ninguén se atreve a transmitirlle a noticia ao monarca pero, cando este se decata ofrece unha recompensa a quen o atope e o leve de novo aos seus apousentos.
Unha parella de labregos ten a fortuna de atopalo. Fará Eva Crispil honra ao seu alcume de “astuta labrega”? Sairá airosa das dificultades que os membros da corte real lle presenten para obter a recompensa?
"O loro de Carlos V" é unha ópera buffa para todos os públicos baseada nunha idea orixinal do compositor Nani García. É un conto infantil e ao mesmo tempo unha obra artística con vocación de entusiasmar e emocionar ao público máis esixente.
Presentada no formato singspiel, a obra contén unha intención lúdica e vitalista dende a que se saúda á "A Frauta Máxica" de Mozart e á viveza imperecedoira das obras de Rossini.
O espírito cómico transcende cada escena dende o propio deseño dos personaxes. Pero baixo esta aparencia de lixeireza atópanse sofisticados mecanismos que abren as portas a un mundo de ilusión e tenrura.
O compositor propón unha partitura desprovista de complexos orquestrais pero sempre tendo en conta o carácter cantabile, sempre dende a perspectiva do escoitante, de maneira que resulte innovadora musicalmente polo uso de recursos musicais tonais pero contemporáneos, á vez que busca o achegamento emocional do público a partir da experiencia que o propio autor emana da súa andaina cinematográfica