A nosa cultura é actual, contemporánea, interesa e
fainos rir, sentir e pensar. Diso é do que nos fala DAC
Outono Cultural, un programa ideado para os meses
de novembro e decembro mais que busca ser unha
“primavera” para a nosa cultura.
En 18 cabeceiras de comarca, distintos espectáculos
de primeira liña dirixidos a todos os públicos traerán
aos nosos días as figuras das Irmandades da Fala
(Centenario), Manuel María (Día das Letras Galegas)
e Castelao (Ano Castelao Artista), protagonistas das
efemérides culturais deste ano. Ames, Arzúa, Betanzos,
Carballo, Cee, Melide, Muros, Narón, Negreira,
Noia, Oleiros, Ordes, Ortigueira, Padrón, As Pontes,
Ribeira, Santa Comba e Vimianzo son os concellos
aos que chegará esta ambiciosa programación, con
vontade de espallar en toda a súa contorna o máis
actual legado desas tres trabes da nosa cultura.
Cunha ampla gama de cores, como o propio outono,
a programación ofrece un variado abano de propostas
de primeira liña, que convencerán a diversos públicos
da riqueza da nosa cultura, nese diálogo entre
tempos que transcorre desde as Irmandades da Fala
até o Menú da Fala de Carlos Blanco e Luís Davila, de
Castelao a Fran Rei e Isabel Risco ou de Manuel
María á posta en escena do seu conto de Barriga
Verde. Coa presenza de Caxade,Mago Teto, Luis Iglesia
e Xabier Deive ou Mónica de Nut e Ánxela Blanco
nunha programación excepcional que ten moito de
encontro e de proxección cara ao futuro, impulsándonos
desde o mellor do noso pasado.
Con especial agarimo polos novos públicos para a
cultura galega, DAC Outono Cultural achegarase aos
centros de ensino e á rúa cunha aposta específica
de calidade para que as crianzas gocen das nosas
artes escénicas e participen do seu xogo. Para todas
as idades, os espazos culturais das cabeceiras de
comarca abriranse para ofreceren singulares espectáculos
que dan medida do extraordinario momento
da cultura galega. E fala tamén, da nosa historia, con
gabanza, porque nunca o pasado foi tan moderno.
Goretti Sanmartín Rei
Vicepresidenta da Deputación da Coruña

