REINICIAMOS PROGRAMACIÓN EN MARZO

Miércoles, 17 de Febrero de 2021

O Padroado da Cultura do Concello de Narón reiniciará a programación cultural o vindeiro día 6 de marzo, iniciando á súa vez os espectáculos programados no VI Festival Internacional do Monólogo Teatral Singular, que regresa cada ano por estas datas ao Pazo da Cultura.

A apertura do festival correrá a cargo da compañía Pentación Espectáculos co monólogo La habitación de María, interpretado por unha das grandes da escena teatral nacional: Concha Velasco. Continúará a programación con espectáculos unipersoais para todos os gustos con propostas dirixidas a público adulto, como a de Teatro do Atlántico que trae a Narón a obra Libre coma os paxaros unha estrea interpretada por María Barcala; Crónica dunha heterosexual insatisfeita da Compañía Verdeveras Expresións Artísticas; e tamén actuará Cándido Pazó, que estreará a obra Mocos;   Chola, a it girl de Artesacía; e como broche final o monólogo L@s niñ@s del Winnipeg da compañia chilena La llave maestra, unha obra para todos os públicos e que se estrea por primeira vez a nivel estatal no Pazo da Cultura naronés.

En canto á oferta para todas as idades, no noso Singulariño, contamos coas obras Feo! de Caramuxo Teatro – comedia para toda a familia; Fíos de Baobab Teatro (monicreques); e Semente de Eme2 Producións.

Dende o Padroado da Cultura continúanse aplicando estritas medidas de seguridade para garantir o cumprimento das recomendacións formuladas dende as autoridades sanitarias e ofrecendo unha oferta cultural con todas as garantías. A capacidade máxima establecida a día de hoxe é de 250 persoas nas butacas do Pazo e de 50 no Café Teatro.