- Español
 
 
 
O Padroado
Novas
Programación
  Pazo Cultura
          Teatro
          Danza
          Musica
  Auditorio
  Café teatro
Escolas Padroado
Actividades para adultos
Actividades para nenos/as
Cómo inscribirse
Actividades
          Entroido
          Maios
          Pena Molexa
          Oenac
          Esfolla
          Samain
          Noite da luz
Escolas de formación
          Actores e actrices
Mostras teatro
Festival Internacional de Folclore
Salas

 

A Escola de Formación de Actrices e Actores de Narón ten como obxectivo a formación integral do alumnado no oficio da interpretación actoral. A través da formación impartida, a escola pretende a incorporación por parte do alumnado de conceptos teóricos básicos e experiencia práctica suficiente para o exercicio do oficio da interpretación actoral e para tal efecto desenvolve cada curso escolar a súa programación ordenada en actividades escolares e actividades complementarias. A formación impartida estrutúrase en dous ciclos: ciclo 1 (comprende curso de acceso, 1º e 2º cursos) e ciclo 2 (comprende 3º e 4º cursos).
En canto ao percorrido formativo da Escola Municipal de Formación de Actrices e Actores, saliéntase a abordaxe sistemática e ordenada do adestramento dos recursos actorais básicos formulada para a súa realización ao longo dos cinco anos de percorrido formativo que é abordada, nas 10 disciplinas e 2.000 horas lectivas que comprende, cun enfoque eminentemente práctico e de exploración directa por parte do alumnado. 
O percorrido íntegro da formación impartida na escola desenvólvese en 2.000 horas lectivas obrigatorias destinadas ás actividades escolares que  inclúen a programación específica das 10 disciplinas sobre as que se traballa na actualidade (96 horas de Aproximación á Teoría e á Práctica do Teatro, 436 horas de Interpretación, 188 horas de Voz e Dicción, 192 horas de Teatro Físico, 144 horas de materias da Posta en Escena, 144 horas de Creatividade Dramática, 144 horas de Teoría e Historia do Teatro Universal e Historia do Teatro Galego, 136 horas de Danza, 136 horas de Música e Canto e 200 horas de Montaxe de Espectáculo), máis as horas destinadas ás actividades complementarias (asistencia a espectáculos escénicos, funcións dos espectáculos da escola en cartel, cursos monográficos, encontros con profesionais das artes escénicas, visitas a espazos teatrais de interese, etc.), ademais das 150 horas estimadas para a preparación e exhibición de probas individuais e conxuntas de fin de curso en cada nivel e de mostras para o público, igualmente de carácter obrigatorio. O alumnado desenvolve tamén unha media de 100 horas de traballos escénicos voluntarios que o propio alumnado promove e organiza nas instalacións da escola. 
Cada curso escolar a Escola Formación Actoral pon en escena un espectáculo teatral escrito por unha autora ou autor galego para ser interpretado polo alumnado de 3º curso. Ao espectáculo dedícanse 5 horas diarias de ensaio de luns a venres durante dous meses e, despois da estrea,  permanece en cartel até finais do curso escolar seguinte, realizando unha media de 15 funcións por espectáculo, en circuíto afeccionado e escolar. A Escola de Formación Actoral estreou até hoxe textos escritos para o seu alumnado e editados polo Padroado de Cultura de Narón de Roberto Vidal Bolaño (“Integral”), Jose Luis Prieto (“Dereita-Esquerda” e “Cometa, cometa”), Margarita Sánchez Roldán (“A festa das neves”), Cándido Pazó (“Desde entón cantan as ras”), Inma A. Souto (“Aforro ordinario”), Gustavo Pernas Cora (“Taras mínimas”) e comezou xa os ensaios da montaxe do espectáculo “Onde andas, Karl?”, sobre o texto orixinal de Rubén Ruibal, que ten previsto estrearse o vindeiro 25 de xuño, baixo a dirección de Jose Prieto.
O equipo docente permanente da Escola de Formación Actoral está integrado na actualidade pola actriz Flor Maceiras, o dramaturgo e director de escena Jose Prieto, o director de escena Luis Ramos, o actor Pablo Sánchez, a bailarina e coreógrafa Cristina Montero, o actor Manuel Areoso, o músico e cantante Ramón Bermejo e a actriz Silvia Casal. Con carácter eventual incorpóranse á actividade docente para a impartición de cursos monográficos sobre temas específicos dalgunhas disciplinas escolares a logopeda Mari Muíño, o actor e bailarín David Loira, o artista circense Alfredo Pérez, o actor especialista en Comedia del´Arte Gonzalo Guerreiro, a bailarina especialista en bailes de salón Iria Ameneiro, a bailarina e coreógrafa Ruth Balvis, a actriz especialista en traballo sobre Stanislavski Beatriz González Viñas, o actor especialista en interpretación con Máscara Kevin Stewart, o deseñador musical, iluminador e técnico de escena David Deive e a técnica de escena Eva Matas.
O alumnado da escola mantén ademais, periodicamente, encontros con persoas de relevancia no ámbito escénico e actoral de procedencias e estilos diversos como Ernesto Chao, Mabel Rivera, Cándido Pazó, Luis Tosar, Manuel Lourenzo, Pedro Penco, Manuel Manquiña, Lino Braxe, Asu Rivero, Antonio Simón, Xúlio Lago, Javier Yagüe, Avelino González ou Iolanda Muíños.
Desde a inauguración do Pazo da Cultura a Escola de Teatro ten a súa sede no Auditorio Municipal de Narón, onde dispón de 4 aulas adecuadamente dotadas para a impartición das diferentes materias: biblioteca, sala de ensaios e representacións con 384 butacas e seu correspondente equipamento técnico e 4 camerinos con duchas e vestiarios, así como dependencias administrativas e sala de xuntas do profesorado. A totalidade das 18 alumnas e alumnos que completaron a súa formación na actual Escola de Formación  de Actrices e Actores de Narón (dúas promocións desde a súa posta en marcha no ano 2004), continúan en activo na actividade teatral, 8 delas no ámbito profesional e 10 no ámbito afeccionado.

Entre os principios reitores da actividade da Escola de Formación de Actrices e Actores de Narón contémplanse:

  • Facilitar o  acceso do conxunto da poboación á actividade teatral, incorporando a todas as persoas interesadas en cursar os estudos impartidos, a partir da idade mínima recomendada. 
  • Priorizar o respecto polas persoas sobre calquera obxectivo escolar descrito, desenvolvendo as súas actividades para favorecer o benestar persoal do alumnado, e fomentando entre este e de maneira transversal, os valores sociais que permitan a mellora das condicións de vida da comunidade: igualdade de xénero, tolerancia, participación, e respecto e consideración polo contorno humano e ambiental, etc.
  • Valorar con igual consideración calquera tipo de manifestación teatral e de expresión actoral, promovendo o interese e aprecio do seu alumnado por todos eles en igual medida e desbotando desenvolver ningunha liña de traballo excluínte a respecto doutras, no conxunto das súas actividades.
  • Fundamentar o traballo formativo na idea de que toda persoa interesada na práctica do teatro debe poder dispor do espazo e o tempo adecuados para o adestramento ordenado dos recursos e habilidades necesarias para o exercicio do oficio actoral, procurando que todas as persoas desenvolvan con normalidade a súa preparación, e que se resolvan de maneira natural e sen conflito as dificultades que cada alumna ou alumno, polas súas características persoais, poida encontrar no seu percorrido escolar.
  • Considerar imprescindible para o cumprimento dos obxectivos que o alumnado se sinta cómodo no espazo e tempo de traballo da escola, prestando especial atención a que se incorporen os hábitos de coidado corporal e mental necesarios para que o teatro e o seu adestramento sexan actividades que reporten beneficio integral ás persoas que o practican e desbotando calquera método ou sistema de aprendizaxe que poida resultar lesivo física ou moralmente para as alumnas e os alumnos.
  • Orientar a programación da actividade escolar para que o alumnado acceda aos seus propios recursos para a práctica da interpretación actoral, propiciando que as alumnas e alumnos encontren o seu propio camiño de expresión artística e non ningún outro previamente determinado pola escola ou polo seu profesorado.
  • Asumir a definición tradicional de traballo teatral e traballo actoral como xogo, facendo do xogo a ferramenta básica da metodoloxía que se ha  utilizar no desenvolvemento das actividades escolares e complementarias que se imparten.
  • Estimar óptimo o aproveitamento escolar do alumnado que, asistindo con regularidade ás actividades escolares e complementarias programadas, experimente progresión na incorporación de conceptos relativos á arte dramática e no uso de recursos actorais, evitando calquera forma de competitividade no traballo escolar e imposibilitando que ninguén teña consideración especial nin trato diferente polas súas calidades artísticas.

 

 

 

   Padroado de Cultura de Narón
   Rúa Holanda s/n, 15570 / 981391144